Aurora Bernárdez

Un texto de Francisco X. Fernández Naval

A casualidade, o xogo caprichoso, arbitrario e tantas veces cruel da vida e da morte, quixo que poucos días despois da publicación do artigo sobre o escritor arxentino-galego Francisco Luis Bernárdez, no que falaba da súa media irmá, Aurora, esta sufrise un accidente de consecuencias irreparables. O accidente foi o día 6 de novembro, nunha rúa de París, a morte dous días despois.

Aurora Bernárdez conversa con Fdez Naval / Foto: Mariángeles Fernández (achegada polo autor)
Aurora Bernárdez conversa con Fdez Naval en presenza de Mariángeles Fernández / Foto: Maribel Longueira

Un vento frío percorreu entón o territorio onde habitan os cronopios, as famas e as esperanzas, eses seres aos que deu vida Julio Cortázar. Aurora Bernárdez non era unicamente a primeira muller de Cortázar; nin a persoa que regresou e o coidou na enfermidade, tras a morte de Carol Dunlop; nin a testamenteira e administradora da memoria e da obra do escritor. Era moito máis, era Glop, o xeito amoroso que el tiña de chamala, era o alento del que perduraba no seu sorriso, era aínda a luz da literatura de Julio prendida nas lembranzas e palabras dela.

Dende a morte de Cortázar, Aurora entregouse con teimosía ao labor de organizar o seu legado; de por orde na correspondencia; de dar a coñecer a obra inédita; a garantir a permanencia dos seus libros entre as novidades e os catálogos das editoriais; a favorecer todo tipo de traballos e estudos biográficos ou críticos sobre o autor de El perseguidor. Tamén a celebrar a súa memoria en homenaxes sucesivas: o vinte e cinco aniversario da súa morte; o cincuenta aniversario de Rayuela, e este ano, precisamente este ano, o centenario do seu nacemento. Para iso rodeouse de lectores, admiradores e amigos, a inesgotable cidadanía dos cronopios.

Aurora naceu en Bos Aires o 23 de febreiro de 1920, nun fogar de emigrantes galegos. Con seis meses os pais deciden regresar a Galicia, concretamente á aldea de Lago, no concello de Maside, provincia de Ourense, de onde procedían. En Dacón vivía, nunha fermosa casa de galerías brancas e xardín, a madriña de Aurora -tamén Aurora- irmá preferida do pai, muller intelixente e decidida, que dirixía a economía familiar e xogaba ao tresillo cos homes.

Aurora Bernárdez con Fdez. Naval / Foto: Mariángeles Fernández (achegada polo autor)
Aurora Bernárdez con Fdez. Naval / Foto: Mariángeles Fernández (achegada polo autor)

Dese tempo vivido en Galicia, Aurora conservaba dúas imaxes na memoria. Unha na que se vía nunha viaxe a cabalo, pegada ás costas do seu curmán Manolo, de regreso á casa, unha tarde de cores crepusculares. A outra, a dunha festa na igrexa de Lago, construída polo seu avó Luís Bernárdez. Ela vestida de anxo, xunto coas outras nenas do seu tempo, adornando o altar. «Al parecer yo me pasé el rato metiéndome el dedo en la nariz, para regocijo de los fieles», comentaba facéndose eco dunha historia que escoitou contar moitas veces e que aínda lle facía graza.

Catro anos máis tarde, por mor das dificultades e limitacións da aldea, emigran de novo. O destino, outra volta, Bos Aires. Con eles vai unha nena que só coñece un idioma, o galego. O galego é a lingua familiar e ela medra familiarizada cos nomes de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ou Eduardo Blanco Amor.

Tradutora de enorme prestixio e calidade, pola que moitos descubrimos La Náusea de Jean Paul Sartre na edición da editorial Losada, boa parte da obra de Italo Calvino e Vladimir Nabokov, O cuarteto de Alejandría de Lawrence Durrell, textos de Camus, Simone de Beauvoir, Bowles ou Faulkner, decide esta profesión como acto de liberdade e rebeldía, sen saber, aínda, que tamén nesa actividade coincidirá con Cortázar, prestándolle unha axuda inestimable na tradución da obra narrativa e os ensaios de Edgar Allan Poe, encargo de Francisco Ayala dende Puerto Rico, traballo que lles permite vivir nos primeiros anos do matrimonio e que os levará ata Roma, onde vivirán na praza de España, a mesma onde morreu John Keats.

Ela foi a primeira lectora de Rayuela e Cortázar, nunha carta, dille a Paco Porrúa, o editor de Sudamericana, nacido en Corcubión, que chorou de emoción ao rematala. O cineasta e documentalista Eduardo Montes-Bradley consideraba que: Aurora Bernárdez es una de las caras, uno de los lazos, objetivamente el más trascendente, el que en definitiva va a permitirle instalarse cómodamente en Ítaca y en la Historia. Cortázar, tal como lo conocemos, hubiera sido imposible de lograr sin la colaboración de Aurora Bernárdez.

Aurora e Julio traballaron xuntos como tradutores da UNESCO, organismo no que ela tería como superior a José Ángel Valente. Foi ela quen o trouxo aquí, nas dúas viaxes que fixeron a Galicia nos anos 1956 e 1957. Julio e Aurora viviron xuntos ata o mes de setembro de 1968. Logo, el compartiría os días con Ugné Karvelis, primeiro, e con Carol Dunlop despois, con quen casou. Porén, o cariño e a amizade entre os dous non desaparecerá e, ao final, viúvo Julio e enfermo, será Aurora quen o coide. Ela foi, por decisión do propio Cortázar, a herdeira dos seus bens e a administradora do seu legado literario, tarefa á que dedicou as horas completas dos seus días, ata o día 8 deste mes de novembro.

Por Aurora, dende o ano 2006, Galicia é unha referencia no mapa de Cortázar, xa que, por decisión dela,  o arquivo fotográfico do escritor e o seu, están depositados no Centro Galego das Artes da Imaxe, na Coruña, para a súa conservación e difusión.

Entre os que a coñecemos e quixemos, queda un baleiro imposible de encher, pero tamén resta a alegría de ter compartido instantes da vida cunha muller tan vital, xenerosa, divertida, culta, irónica e sedutora.

 

 

 

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*