Lugares de osíxeno

Un texto de Cris Pavón

(soño reparador no máis profundo sentido do termo)

Cris Pavón
Cris Pavón

Paraísos ou infernos só accesíbeis para quen porta unha cantidade mínima de osíxeno en sangue. Recantos neuronais que piden un contrasinal cifrado en O2. O mundo dos soños ábrese para a non-fumadora, para a ex-fumadora de dous paquetes diarios que ve así recompensados os momentos de melancolía que ten que sufrir. Acusa xa un serio desgaste na sólida vontade inicial e fanse máis frecuentes os momentos baixos nos que dubida se non se terá volto parva, a que ven iso de non fumar, só un pito muller, que estamos en festas con toda a familia, se beberon até os abstemios…  Eses intres de proba e soidade, de tristeza ex-cigarreira, con demandas que empezan a roer na firme decisión até deixala escuálida, magra, reducida a un Non, non! irracional e sen argumentación, vense inesperada e amplamente compensados por nocturnos agasallos nos que é invitada ao parque de atraccións do subconsciente, aberto agora ─logo de tanto tanto tempo─ para ela.

Ábrense galerías clausuradas hai moito, e unha pode entrar e saír delas lembrándoo todo, iso é o inaudito, a consciencia entra a esgalla neses lugares que eran xa como inexistentes, inúndaos pese o seu volume inconmensurábel e arrastra na riada obxectos e restos que, avistados na vixilia, permiten recuperar a secuencia completa do soño. Non hai fumes que desorienten aos recordos, que agachen a ruta a seguir para volver aos lugares visitados na fase REM. Como guiada por moléculas de O2, faragullas de osíxeno  deixadas na viaxe de ida, podo regresar á casiña de chocolate, ao soño soñado. Aínda que fose un pesadelo. Que feliz me fixo recordar o pesadelo! Tamén axudou a lembralo, supoño, o me quedar inmóbil nada máis acordar. Ía volver la cabeza, pero detívenme nada máis iniciar o movemento, os músculos do pescozo paráronse atentos á chamada. Lembrei a praza de Galicia. A choiva torrencial e súbita, a luz inexplicábel que asomaba trala cortina de auga, os meus pasos acelerados polo chuvasco para cruzar a rúa, un grupo de mozos, grandes, a berrar, a meterse comigo, eu nin caso, non me deteño, a sola da sandalia descravada deixada atrás, un policía enorme xa se avista, espero que pasen os coches para recoller a sola coas súas largas puntas bordeándoa, os mozos gritan, Non se atreverá, a moi imbécil! xa o berraban antes, agora non pasa ninguén, vouna recoller, os mozos achéganse ameazando, con bates e paus. O policía, de complexión de debuxo animado, imponse e a cuadrilla, incribelmente refréanse mentres eu me afasto apresurada, pero aínda que os deixo atrás, na praza, contidos momentaneamente polo poli, a persecución xa comezou, e continúa na Escola de Belas Artes/Instituto Feminino de Lugo, por corredores e aulas e vestiarios, entre grande número de extras. Xorde coma unha flor do recordo a imaxe do bater no que estou pechada mentres os bestas baten na porta cos seus bates, gábanse de antemán e bérranme o que me van facer, a desesperación faime caber por un ventano imposíbel e saio ao xardín/solar cheo de matogueira, arrástrome baixo cubertas de material plástico trenzado e brillante que levantan do chan o mesmo que unha viña, entón decátome de que hai algo onírico alí, todo ese plástico prendido a estacas de madeira é a transformación surrealista dunha viña, que sería o máis lóxico atopar alí, eles me seguen a buscar por riba e embaixo da cuberta, pero detectar un elemento de soño, talvez, permite que a persecución dea un xiro, atopo a amiga Alicia, acougo un pouco, volvemos entrar no edificio e falamos cos perseguidores, que xa abandonaron as súas sádicas intencións. Alicia coñéceos e eu, nun momento aparte, dígolle se non sabe que clase de tipos son, sábeo perfectamente, dime, pero hainos que levar mentres se poida, amósome pouco conforme, o soño dilúese.

Son feliz.

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*