Un texto de Marcelino Fernández Mallo

Vivido na capital de Galicia o día venres, 26 de Setembro. Atopo a H. Leva unha bolsa coa estrela vermella, normal, e uns caracteres chineses. E iso?, pregúntolle por saber. Que estiven na China hai dúas semanas. Cona, non imaxinaba. H. ten coma vinte e cinco anos e supúñalle destinos máis amables. Pois, informoume, meu pai, médico, que había asistir a un congreso en Beijing e precisaba un intérprete, así que me mercou os billetes para acompañalo. Tradución de que a que?, se podo preguntar. De inglés a galego. Xa dicía eu…
Quedara con C., sorrinte e optimista. Así llo traslado, véxote sorrinte e optimista; o certo é que non atopo moitas razóns para tal estado. Pois fíxate que me sinto bastante desesperada (parece darme a razón): isto do chinés supérame. Ein? Verás, resulta que adoptamos un cativo de cinco anos da China e estou aprendendo o idioma para tentar que non o perda tan axiña. Ah, claro!, respóndolle simulando que entendo algo.
Quedo a tomar unha caña, esta imprescindible ante tan imprevistas temperaturas, con L. Fronte á Porta Santa, falamos do divino e, sobre todo, do humano. Confésame a súa preocupante volatilidade en preferencias literarias. Leva uns meses lendo novela negra chinesa, en especial a dun tipo afincado en San Francisco creador dun personaxe auténtico, policía, filósofo e poeta (aquí empezo a perderme). Lamenta non poder facilitarme o nome porque non ten xeito de retelo. Comprensible, tranquilízoo.
Xanto finalmente con M. Acaba de despedirse da multinacional para a cal traballara os últimos dez anos. Odiaba a súa vida, admite, e non so por residir a 600 quilómetros da familia. Xestionaba boa parte das compras da empresa e déranlle a orde de traballar cun provedor chinés. E non, ata aí podíamos chegar. O provedor chinés tornouse na derradeira pinga, esa que colma o vaso, e dimisión que te criou.
Por fin na casiña, prendo o televisor e encóntrome con Rajoy; onde? Pois si, na China disque comunista. Para min, que foi negociar o armisticio.