Cris Pavón, o tránsito do ‘malditismo editorial’ á beizón dos premios literarios

Cris Pavón, presentando o seu libro Sangue 12
Cris Pavón, presentando o seu libro Sangue 12

A carreira literaria de Cris Pavón dá case para unha novela. Esta profesora e escritora coruñesa afincada en Vigo está a ver no último ano como a súa carreira literaria pasa da noite máis escura á máis estrelada. Pavón viu como unha novela a que case lle dedicou cinco anos de traballo, Limiar da Conciencia, se convertía nunha especie de obra maldita. A pesar de ser finalista de dous grandes premios de novela do país, o Xerais e o García Barros, ningunha editorial se atreveu a publicar un proxecto tan novidoso como arriscado, que tiña como argumento a historia de LIDIA, unha máquina lingüística que, no ano 2062, realiza traballos de tradución, ten un fallo no sistema de comunicación e queda illada. Como ningunha editora quixo levar a obra ás librarías, a propia autora buscou o xeito de que se publicase en 2012 en formato dixital.

Despois daquela sorprendente experiencia, a sorte literaria de Cris Pavón parece ter virado 360 graos en menos dun ano. O pasado mes de decembro facíase co recoñecido certame de relato curto Modesto Figueirido. Hai pouco chegou ás librarías a súa obra Sangue 12 (Urco Editora) e agora esta mesma fin de semana vén de gañar outro premio de prestixio (o Carvalho Calero) cun conxunto de relatos: ‘A busca da orixe perdida das especies’. O premio, ademais de 3.700 euros, daralle a Cris Pavón a oportunidade de volver a estar entre as novidades editoriais o vindeiro 2015.

A obra, segundo lle explicou a Letra a propia galardoada, “está construída coma relato sobre a narración que unha escritora tentou facer ao redor das figuras de Proust e Darwin, subliñando os seus paralelismos coma investigadores no eido da memoria persoal e biolóxica. A peza coa que se inicia a obra, Máquina Proust, mestura a metaliteratura coa ciencia-ficción, postas ambas as dúas ao servizo da pescuda da identidade da protagonista.”

Isaac Lourido, premio Carvalho Calero de Ensaio

No apartado de Ensaio o premio Carvalho Calero este ano foi para o ferrolán Isaac Lourido polo traballo ‘História literária e conflito cultural. Bases para unha história sistémica da literatura na Galiza’. O xurado estivo composto por Mercedes Queixas Zas, Miguel Mato Fondo, Xesús Constela Doce e Luis García Soto, gañador hai dous anos deste mesmo premio, na modalidade de ensaio.

 

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*