Certames, concursos, xurados e tribunais

Un texto de Lara Rozados

Lara Rozados
Lara Rozados

A mediados de setembro chamáronme para darme unha moi boa noticia: gañara o primeiro certame poético ao que me presentara na vida, o VII Victoriano Taibo, que convocan o Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local Menor de Morgadáns. Unha alegría inmensa, pola posibilidade de ver o libro publicado e apoiado por estas organizacións, e tamén pola dotación, da que ben pode manterse unha persoa uns seis meses con bastante tranquilidade.

Traballo, esa cousa. Agora aínda non hai queixa, que me saíu un chope para outubro que tamén vai sumar uns tres meses máis de tranquilidade aos cálculos anteriores (e mira que ben, poñémonos no verán outra vez, que é cando baixan as cifras do paro e esas cousas). Faime graza que este mesmo verán participei nun curiosísimo concurso-oposición para unha praza de técnica de comunicación na Deputación de Pontevedra, que non vou relatar agora por rocambolesco. Pero si, resúltame divertida a coincidencia no tempo entre eses dous procesos, o certame literario e o concurso-oposición. Enviarlle algo, nun caso escrito nas noites de insomnio no cuarto e no outro, nunha aula arrodeada de xente, de forma anónima, a un xurado/tribunal e agardar polos resultados ten a súa graza (tamén os seus momentos de tensión, non pensen).

Eu mesma fora xurado, hai ben anos (polo 2007) do Premio Xerais de Novela, e fora toda unha experiencia. Aquel ano gañara Cardume, de Rexina Vega, pero entre as novelas finalistas estaba tamén A perspectiva desde a porta, de Patricia Janeiro, que foi finalmente publicada por Edicións Positivas no 2009, dous anos despois. Sei que a autora non o tivo doado para publicar unha novela que levaba a pegada do presente (aquel e tamén este): a da Operación Castiñeira, de gardas civís encarapuchados detendo xente e aplicándolle a lei antiterrorista.

Leo en Letra en Obras que Cris Pavón tivo que levar a súa novela, finalista tamén do Xerais e mais do García Barros, por múltiples editoras, ata que decidiu publicala, xa no 2012, en formato dixital. Pero en decembro gañou o certame de relato curto Modesto Figueiredo, e hai nada o Carvalho Calero, co conxunto de relatos A busca da orixe perdida das especies. Tamén Isaac Lourido levou o Carvalho Calero de ensaio, por História literária e conflito cultural. Bases para unha história sistémica da literatura na Galiza. Alégrome un mundo por eles, e por saber que tamén as historias conflitivas conseguen premios.

Levar un premio literario dá así como afouteza: comprobas que algo que enviaches de forma anónima para que cinco persoas o lesen gustoulles, e iso sempre dá azos. Publícase, que xa é, e a xente pode acceder ao que escribiches, criticar e opinar. Pero a vida, a arte, a política e a literatura mestúranse inevitablemente. Sempre que penso nisto dos premios literarios acórdame os días en que fun xurado do Xerais, e a novela que non o gañou. Unha novela que falaba de tribunais tamén, pero deses que te mandan á prisión, a moitos quilómetros da casa. En fin, o presente, o aquí e agora.

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*