‘A viaxe de Gagarín’, de Agustín Fernández Paz, volve ser o libro máis demandado no mes de xuño

Cronopios_15-05-2014-2Cales foron os libros máis vendidos ao longo do mes de xuño? Segundo a enquisa do Caderno da Crítica, do profesor Ramón Nicolás,que toma como referencia os datos de once librarías das comarcas da Coruña, Compostela, Vigo, O Morrazo, Betanzos e Allariz, a novela A viaxe de Gagarín (Edicións Xerais), de Agustín Fernández Paz, ao igual que xa pasou en maio, lidera as vendas de narrativa. O veterano escritor chairego xa esgotou a primeira edición dun libro que se publicou hai pouco máis de dous meses. A continuación entre os máis solicitados deste xénero está Orlando. Unha biografía (Irmás Cartoné), de Virginina Woolf; e Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar Landeira, libro de relatos recentemente publicado por Edicións Xerais.

En poesía os máis buscados en xuño nas librarías foron: Dun lago escuro, de Marta Dacosta; A segunda lingua, de Yolanda Castaño; e Remontar o río, de Helena Villar e Luz Darriba. Na sección de ensaio destacaron: Non temos medo, do xornalista Rodri Suárez; Eu estaba alí, do tamén xornalista Afonso Eiré; e E logo, temos razóns para ser nacionalistas?, de Henrique del Bosque.

En Infantil e Xuvenil os libros máis vendidos foron: Ámote Leo, de Rosa Aneiros; Rosa Caramelo, de Adela Turín; Volvo, o regreso de Usha, de María Reimóndez; Recinto gris, de Ledicia Costas; e O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso.

Podes ver aquí a lista completa destas e outras categorías

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*