O atestado policial e a literatura de ficción

Un texto de Cris Pavón

Cris Pavón
Cris Pavón

Hai pouco tiven unha mostra de que a literatura se infiltra en eidos inesperados, e non precisamente recomendábeis se se trata de literatura de ficción. A mostra son uns parágrafos escolmados dun atestado policial, que aparecen entre aspas na sentenza dun xuízo rápido (aínda non tiven acceso ao atestado completo). O pouco recomendable de practicar ese xénero de literatura nese ‘soporte’ é obvio: na literatura, aínda máis se é fantástica, o lector pacta co autor crer o que le, sabedor de que o autor non se ten que cinguir a feitos reais, que abonda coa verosimilitude e, malia faltar esta, abonda con que o texto lle proporcione un pracer estético, un pasatempo, unha visión diferente das coñecidas para o lector…; no atestado policial o lector -cidadán, xuíz-, pacta co autor crer o que le, na confianza de que se cingue a feitos acontecidos, relatados coa maior xusteza posíbel.

Son pactos son distintos e cómpre que a ficción non entre nos atestados, mais cando é así, que?

Estou sentada cuns amigos nunha terraza dun céntrico estabelecemento. O coche dun deles, mal estacionado, montado parcialmente sobre a beirarrúa, a unha distancia de tres pasos. Chega unha parella de motoristas da policía local e tiran de boletíns de multa para ese e mais outro coche en similar situación. Os amigos donos do coche van xunto aos policías para o papelame. Unha amiga que fica sentada dime, ‘a estes, que non molestaban a ninguén, van e múltanos’. ‘A recadar’, dígolle eu. ‘E na miña rúa, que están mal aparcados decote, non ves á policía nunca’, remata ela.

O fino oído e a aínda máis fina susceptibilidade dun dos axentes non deixa pasar por alto este comentario, e achégase á miña amiga a pedirlle a documentación. Ela pregunta o motivo, e o policía responde que está denunciada por alterar a orde pública. Quedamos pampas ante tal afirmación, repetímola, ‘así que estamos aquí sentadas tomando un viño nunha terraza e así alteramos a orde pública’. Si, porque estamos a falar moi alto, di. Non damos crédito. Cruzamos máis frases que non vou detallar, pero sen dicir en ningún momento insulto algún, faltaría máis. O máis forte que se escoitou alí foi o que lle dixo un dos policías á miña amiga: ‘Eres una ignorante!’. Mais, segundo fabula o atestado policial sobre este incidente, ambas as dúas insultámolos. E inclúe no texto expresións, supostamente literais, atribuídas á miña amiga, que ela non dixo en ningún momento. Sobre min déixano en termos xerais: proferín insultos.

Pero a capacidade inventiva dos redactores do atestado non remata aí, pois no tal documento dise que a miña amiga foi requirida por un axente municipal para entregarlle a súa documentación, que ela se negou e, literalmente, ‘se quiso dar a la carrera’. Ben é certo que os autores non lle deron á súa imaxinación todas as ás que podían, pois igual podían dicir que a muller intentou saír voando. A muller, amais dun sentido común cando menos igual á media, ten coñecemento profesional do que poden dar de si os corpos humanos, e resulta inverosímil pretender que tivese a ocorrencia de botar a correr para así zafarse de dous axentes altos, fortes, novos -uns cachimáns, vaia-, un dos cales poucos minutos antes a tiña agarrado e zarandeado para impedirlle, non sabemos con que motivo, á entrada ao estabelecemento onde ela pretendeu entrar a pagar as consumicións. Que aí foi onde a situación se tensou notablemente. Mais talvez hai que comprender que os axentes se sentiran intimidados diante dela, porque tiñan que ver vostedes a esa muller: sesenta anos, miudiña, metro cincuenta e sete, con lentes… Impoñente a presenza da miña amiga!!

Cando un dos axentes lle puxo as mans enriba eu pasei da sorpresa ao estupor total. Ela agora si que falaba ben alto, e dicía que a soltaran, que lle estaban a facer dano. Decontado achegouse o compañeiro a axudar. Eran as dez da noite nunha terraza céntrica de Vigo, non era Guinea Ecuatorial. Ou si? Eu comecei a tirar fotos co teléfono, máis que nada coa intención de que os esforzados axentes viran que os gravaba e se contivesen. Só cando a tiveron afastada da porta do establecemento afrouxaron a presión. Pero aí non acabou a cousa, pois quixéronlle pór as esposas, ela laiouse e resistiuse e, resumindo, esa noite acabou no calabozo e ao día seguinte nun xuízo rápido acusada de atentado contra a autoridade.

Eu fun citada como testemuña, pero xa ao día seguinte pasei a imputada, polos insultos inventados no atestado. Quizais tivo relación o feito de eu poñer unha denuncia esa noite contra os policías, pola súa actuación desproporcionada coa miña amiga, non o sei. Sonlles tan ignorante da lei que teño que cumprila moito máis que quen a coñece. O certo é que será un proceso máis, que se alongará meses, no que hai outras testemuñas, e xa veremos en que acaba a cousa.

Conclusións primeiras? A liberdade de expresión nas rúas de Vigo é directamente proporcional ao status económico. Se queres facer uso da túa liberdade de expresión e estás no campo auditivo dun policía local -e sempre dentro do respecto e a corrección lingüística, faltaría máis-, tes que poder dispoñer dun mínimo de trescentos euros, segundo nos informou o avogado, pois é a sanción mínima por unha falta de insultos, e resulta ben doada de poñer en base á declaración dun axente con tendencias mal canalizadas cara á ficción. Non serán así todos, claro, pero sairá caro distinguilos.

 

 

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*