Mea Culpa (e 2)

Un texto de Antonio Mira

(vén do texto anterior)

Mi madriña! Desculpa, ho. Que era un comercial da Xunta, por se quería parcelas industrio-culturais na Cidade da Cultura… para facer exposicións ou así.

(…)

Que va! Na miña vida pintei nada, pero polo visto iso era o de menos… Pero que che estaba contando? Ah si, o da túa festa. Lindísimo todo. Van estar as tendas de segunda mao arregaladísimas daquí a uns meses cuns libros que deixan pampo.

(…)

Si, si. Xa me deixo de coñas e vou ao importante: o teatro… Pois a verdade é que pouquiña cousa para o que un imbécil coma min agardaba. Voltaron antigos grupos teus, levados pola familia e amigos, e puxeron pezas túas en palco. Tamén algo houbo do teatro amador, mais polo xeral de estraperlo, non vaia ser a SGAE. O que si tivemos foi moita presenza no que chamariamos o “institucional”: universidades e centro dramático.

(…)

Ghoder, se xa te pos así sen sabelo non sei se seguir falando… Días sen gloria,

(…)

Manquiña.

(…)

Xa.

(…)

Xa.

(…)

Xa.

(…)

Non ho! Iso si que non foi culpa miña! A min que me rexistren!

(…)

Non, a Real Academia “no estuvo ni se le esperaba”. Nada que sorprendese. Hai uns anos déronllo a Lois Pereiro (dálle aí unha aperta cando o vexas) e foi parecido. O que pasa é que daquela apareceron un monte de celebracións en centros sociais, agrupacións… unha cousa bonita, a verdade. E este ano… pois non foi o mesmo. Eu agardaba  máis chicha por parte da teatrallada. E mira ti, resulta que os modernitos gafapasta se organizan ben mellor do que “a profesión”.

(…)

Uf! Son algo así como os ye-yés. Íanche facer bastante chiste… Pero o tema é que foi aí onde se ghodeu todo, onde eu ghodín o ano das letras. Tíñao moi clariño, sabes? Non ía picar. Pero é que, hostia, apareceu o teu nome e eu, coma un subnormal, vou e ilusiónome todo. Podería telo deixado estar, comprar un par de libriños en maio, ir ver aos rapaces das unis, algo de teatro amador… Non sei o que esperaba, a verdade, pode que fose polo de Lois Pereiro… E o que me queda agora é unha sensación de fracaso bastante ghodida… desas que ti tan ben mostrabas. E nin putas ganas de poñer un naris de pallaso que xa parece case un adorno, un obxecto.

(A figura de chapeu fai unha saída delongada e o idiota queda mirando ao chan. Fai ademán de dicir algo máis, pero cala. Por fin, dá a volta e vai saíndo de escena. Antes de desaparecer, vírase e di baixiño)

Lin o Caprice hai pouco, con isto da edición… e a cousa xa non me sorprende tanto. Desculpa vir molestar coas miñas perranchadas…

(Executa despois unha das máis lamentables saídas que xa se teñen descrito mentres, de fondo, a megafonía dun hospital psiquiátrico chama aos internos ao patio).

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*