A literatura e as artes plásticas saen polas cafetarías e tabernas de Carballo

contos-de-taberna-2Na súa continua aposta por ligar cultura galega e promoción económica, o Concello de Carballo vén de poñer en marcha unha orixinal iniciativa: Contos de Taberna. A proposta que se desenvolve dende esta semana ata o vindeiro 17 de maio pretende levar a literatura na nosa lingua aos establecementos hostaleiros da vila carballesa. Un total de 14 hostaleiros participan nunha actividade coa que se repartirán entre os clientes relatos orixinais relacionados con eses locais escritos por autores da zona e ilustrados por artistas locais.

Para coleccionar estes relatos, os clientes dos establecementos participantes deben realizar unha consumición mínima de 15 euros nas tabernas ou consumir tres almorzos (haberá un bono que se irá cuñando) nas cafetarías. Para os que consigan os 14 relatos haberá unha caixa especialmente deseñada para poder gardalos. O Contos de Taberna irán acompañados de presentacións en cada un dos locais.

Os locais e artistas participantes son os seguintes: Ágora con relato de Henrique Mariño e ilustración de Mon Lendoiro; A Bombonera con relato de Xosé Antonio Andrade e ilustración de Roberta Venanzi; A Cabaña, con relato de Rosalía Fernández Rial e imaxe de Eva Facal; A Cova, cun conto de Cristina Abelleira e ilustración de Paula Freire; A de Pako, con relato de Mercedes Queixas e ilustración de Antonio Taracido; A Pedra, con relato de Paco Souto e ilustración de Emi de las Heras; Abastos, con conto de Santi Garrido e imaxe de Cristina Castro; Ánfora, con relato de Ramón Vilar Landeira e ilustración de Antonio Reino; Café Cervantes, cun relato de Ignacio Silva e ilustración de Santi Picos; Café Valle Inclán, con conto de Alberto Varela Ferreiro e ilustración do propio Alberto Varela Ferreiro; Kasa Klandestino con relato de Xurxo Borrazás e imaxe de Milagros Cotelo; Mesón do Pulpo, cunha historia de Fernando Cabeza Quiles e imaxe de Pedro Tasende; O Mexillón, con relato de Beatriz Fraga e imaxe de Lidia; e por último O Pescador, con relato de María Canosa e imaxe de O’Mighelo. Eles farán que as tabernas de Carballo, lugares de contos e encontros, tomen vida por escrito grazas aos “Contos de Taberna”, actividade enmarcada dentro do programa “Quedamos en Carballo” da Concellaría de Promoción Económica.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*