Xente libro

Un texto de Raquel Boo Anderson

Raquel Boo Anderson
Raquel Boo Anderson

Hai uns días, reparando no antropomorfismo dalgúns obxectos cotiáns, en como son deseñados con criterios ergonómicos e funcionais para encaixar nas nosas vidas (e non pensedes mal, que estou a falar dun rascador para as costas con forma de man…); cheguei a un pensamento deses que a miña mente dispersa non pode controlar, dos que teñen senso e rozan o absurdo ao tempo.  E prendín media horiña nunha fascinación case estúpida que me tivo examinando un libro do mesmo xeito que se percorre un ser amado, acariñando cada parte.

O libro, no seu aspecto formal, ten moitas características comúns co noso corpo. Ten unha face, a cuberta, que é o espello da súa alma.  Mantén as súas distintas partes xuntas cun lombo cohesivo que o sostén e o dota de verticalidade. As súas bisagras son como as nosas articulacións e permiten que as tapas, que actúan de brazos, abran e fechen o libro, agasallándonos unha grande aperta cando decidimos ler, envolvéndonos nel. Os capítulos virían sendo os distintos aparellos anatómicos, co seu propio funcionamento e misión dentro do groso do relato, do corpo.  E estes compóñense á súa vez de páxinas, que se corresponderían cos órganos… e así até chegar ás letras, esas pequenas células que son o elemento de menor medida que pode considerarse vivo… E as letras, certamente, están moi vivas.

Ao mesmo tempo, como son así de revirada, comecei a pensar que a xente tamén se asemella aos libros. Temos xente enciclopedia, desa que sabe moito e ten resposta para todo. Existen as persoas catálogo, fermosas e sen moito que dicir máis alá do que se ve. Hai persoas novela, que a súa vida é unha historia con senso de principio a fin. E outras cuxa existencia é unha colección de relatos curtos, historias auto conclusivas que se suceden con pouco en común entre elas, ou máis ben nada. Están os teatreiros, cos seus dramas e comedias, que fan aos presentes partícipes da súa anguria ou alegría. Logo veñen os que son libros de poemas, aqueles que se dedican a amosar mundos que están aí e non se ven. Hai persoas que son libros “tocho”, con carácter forte e marcado, dos que adoitan deixar pegada fonda cando os trataches, e outros de tapa branda, que pasan pola vida dos demais de xeito efémero ou trivial. Persoas edición de luxo, que poden ser fantásticas ou resultar todo fachada, ou pequenas xoias literarias impresas en papel de fumar… hai de todo neste mundo.

Os libros son como a xente, e a xente é como os libros. E chegados a este punto da miña reflexión, comprendín dúas cousas… Que non me gustan os libros electrónicos porque é como poñerlle un uniforme ás persoas, fai que se perda a esencia da forma… e que eu son un libro de peto, pequeniño e discreto, que viaxa dun lado a outro e que se lee nun tris, pero tenta deixar bo pouso e acompañar a alguén nun tramo do seu camiño.

4 Comentarios

    • Grazas Marcos. Alédame que che parecese interesante a miña estrana maneira de mirar e remirar as cousas. Polo que vexo na túa páxina, ti tamén te dedicas a mirar e remirar.
      Un saudiño e parabéns por ese fantástico porfolio! 🙂

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*