Gústame ler… e apenas leo

Un texto de Raquel Boo Anderson

Raquel Boo Anderson
Raquel Boo Anderson

Gústame ler… e apenas leo. Cando me preguntan se lin tal obra ou tal outra, sinto ganas de meterme no buraco que se meteu Alicia e ir a esa dimensión onde ti es parte da historia, neste caso, do libro que debiches ler. E o peor de todo é que cando teño media hora libre de traballo, quefaceres e necesidades básicas como comer, durmir e asegurarme de continuar respirando… só podo ler cousas lixeiras. Deben ser palabras de escasa profundidade, que non requiran de moita neurona activa e que non esixan nunca máis dun 50% de concentración, para non acabar lendo a mesma páxina tres veces, coa súa consecuente frustración.

Gústame ler… e apenas leo, porque ando todo o día a dixerir manuais de aplicacións, correos electrónicos, artigos de tendencias, briefings de proxectos, posts de blogues, entradas de Fb de grupos afíns, e algún que outro tuit relacionados coa miña profesión… É dicir, practicando ese deporte da reciclaxe persoal continuada, porque o importante agora é estar actualizado para exercer ben o teu traballo e seguir pertencendo á raza humana.

Gústame ler… e apenas leo, porque os meus ollos cansos vense atacados de xeito pasivo polas mensaxes das pancartas das manifestacións, a poesía urbana pintada sobre a cidade asobállame, as marquesiñas e os anuncios consomen os recunchos da memoria, cómenme as frases enxeñosas das camisolas e acceden á miña mente, de xeito case impertinente, os rótulos dos comercios… que reteño por gusto ou vicio, a modo de colección.

E invádeme a culpa.

A culpa! Un sentimento horrible que arrastro, como se arrastran os dedos pola páxina que queda pegada á outra. E que medra con cada ranking de libros máis lidos ou vendidos que vemos. Que se intensifica o día que quedas para un café e as compañeiras falan dos tesouros que coroan as súas mesiñas de noite. Que se volve insoportable cando fas a túa propia listaxe de libros para este ano e ves que o almanaque perde as follas máis rápido que as árbores caducifolias en outono, mentres ti non avanzas no teu, xa non firme, propósito.

E isto acontece até que unha alma caritativa, vendo a túa malura, obséquiache un libro ben xeitoso que te exime de toda ela. De sobra é coñecido o libro ao que me refiro, pero como nunca está de máis recordar as cousas que nos fan libres, e por iso máis felices, volo cito en xeito de homenaxe particular.

A miña liberación veu da man de Daniel Pennac, que establece os Dereitos do Lector na súa obra Como unha novela. Con cada páxina nos devolve o verdadeiro pracer de ler, construíndo un hábito saudable, sen culpas nin remorsos, tal e como debería inculcárselle aos nenos e nenas, e que as imposicións do sistema educativo corrompen en grande medida.

Vivimos arrodeados de estímulos textuais, inmersos en mensaxes, relatos e artigos… Lemos, todos lemos, pode que non tanto libros, pero lemos. E cando aprendamos a respectar as necesidades lectoras dos demais e a non emitir xuízos sen coñecer realidades, formaremos unha comunidade lectora plural e rica, porque hai moito que ler, todo un mundo inabarcable. Nesta era marcada pola idea de compartir é inasumible ler todo o que está ao noso alcance, que é moito máis que cando iamos á escola (polo menos eu). Novos tempos, novos modelos… que requiren desenvolver novas actitudes.

Déixovolos da maneira máis fermosa que vin, resumidos nun decálogo que ilustra Quentin Blake.

Gústame ler… e leo, o que me gusta, como me gusta e cando podo.

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*