Que é e cando nace o Rexurdimento?

Un texto de Xurxo Martínez González

A actual bibliografía galega está orfa dunha obra monográfica que tome o Rexurdimento como obxecto de estudo. A análise e interpretación realízase de maneira tanxencial ao estar ligada á produción literaria do século xix. Non atopamos un estudo con suficiente entidade dedicado exclusivamente ao concepto de Rexurdimento e unha análise da súa aparición, dos condicionantes da época (políticos, culturais, sociais ou económicos), do desenvolvemento que tivo, das distintas formas expresivas etc. Polo tanto, nós consideramos urxente que a investigación galega xunte os esforzos (tantas veces dispersos no traballo académico paralelo e non conectado) para abordar este tema.

Xurxo Martínez
Xurxo Martínez

Polo xeral adóitase pensar en Cantares gallegos de 1863 cando se fala do Rexurdimento. E de alí para adiante. Nós consideramos que isto non é certo, como teñen anotado algúns estudosos como Anxo Angueira, Carme Hermida ou Francisco Rodríguez. O Rexurdimento é un proceso de toma de conciencia da diferencialidade galega e que se expresou en distintas esferas públicas da sociedade galega. Non é, polo tanto, un proceso exclusivamente cultural como se promulga decote.

Na introdución que realizou Anxo Angueira á edición dos Cantares gallegos (Xerais, 2013) presenta unha reflexión sobre o Rexurdimento e sitúa a súa xénese nas Coplas de frei Martín Sarmiento. Retrotraémonos ao 1746. Unha orixe chea de brétemas pero que Angueira é quen de xustificar aspectos estilísticos e temáticos que retomarán as xeracións seguintes. De feito, o profesor da Universidade de Vigo liga as Coplas de Sarmiento directamente cos Cantares de Rosalía.

Pois ben, nós unímonos á vontade de investigar e trazar o mapa do Rexurdimento dende os ilustrados galegos. Non é o noso propósito fixar unha data ou argumentar minuciosamente esta afirmación. Porén consideramos que, á calor da política do despotismo ilustrado e a introdución das ideas liberais (Hobbes ou Locke, vía marítima con Inglaterra) e da Ilustración (Voltaire ou Rousseau, vía marítima con Francia), en Galiza comeza a gurgullar estudos preocupados pola realidade galega. Estes estudos serían libros de escola para as xeracións posteriores e nos cales se percibe o interese pola defensa dos intereses patrios así como a disposición para solucionar os problemas e propor as solucións.

Unha breve paréntese: é importante que consideremos a vía marítima como unha corredoira por onde chega a meirande parte da literatura e innovacións culturais producidas no vello continente. Sobre todo habería que estudar as relacións entre a liberal Inglaterra e Galiza. No libro El idioma de la razón. Ilustración e inquisición en Galicia (2008), de Martín González Fernández, atopamos indicios ou pistas que aseguran un campo venturoso de investigación e moi nutritivo para comprender a penetración do liberalismo político na nosa terra así como a chegada das primeiras ondas románticas (pensemos no mito de Ossián ou nas primeiras obras de William Blake ou Byron).

A aparición da Real Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela foi un estoupido organizado das ideas liberais de preocupación galeguista (a diferenza, no que atinxe ao liberalismo, á institución de igual nome creada en Lugo). É fulcral analizar e comprender a tarefa desa sociedade económica e como un dos seus fundadores, Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, está conectados cos círculos liberais da Coruña, do Real Consulado da Coruña (espazo de contubernio liberal en época absolutista). Porque na Coruña está Pardo de Andrade, Verea Aguiar ou Lucas Labrada. E así únense dúas xeracións.

Mais en Compostela tamén aparecen a carón da sociedade económica nomes como Domingo Fontán, Patiño, Rei Chiquito, Suárez Freire, Xosé Rodríguez ou Camiña, persoas ligadas por exemplo a un Ramón de la Sagra (figura notábel na Europa daquel tempo) que exercerá de padriño da xeración do provincialismo de Faraldo e camaradas. Que importante é seguir a pista dos círculos sociais e as formas de socialización empregadas na época para conectar o proceso que foi o Rexurdimento.

Como conclusión, que non queremos aborrecer ao lector ou lectora con longas anotacións minúsculas nin elaborar un argumentario extenso máis propio dunha tese doutoral ca o dunha colaboración xornalística, queremos poñer a debater a urxente tarefa de estudar o Rexurdimento como un proceso iniciado canto menos da man dos ilustrados (aínda que fose de xeito difuso) e estirar aquel movemento alén dos lindes culturais para comprender a función de persoas dedicadas á ciencia, á tecnoloxía ou á política que traballaron cun lente galego e que se esforzaron por mellorar a situación social, económica e tamén política do aínda daquela Reino de Galiza. Reino sen rei propio.

*O título completo do artigo é: Reflexión arredor do Rexurdimento (II). Que é e cando nace o Rexurdimento?

2 Comentarios

  1. Xenial visión, Xurxo. A ver se conseguimos derramar tantas e tantas falacias, tantos e tantos empecementos que nos empequenecen aínda máis …, e tantas e tantas mentiras que, semella, queren favorecer só a algúns, a algunhas … Ánimo e parabéns!

  2. Ola Xulio!

    Moi amábel polo teu comentario. Coido que hai xente investigadora suficiente para armar un proxecto desta entidade, que sexa quen de ir ás fontes, á documentación, á análise propia e constrativa etc. etc.Teremos que seguir teimando e tratar de no futuro armar grupos de traballo en rede.
    Unha aperta,

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*