14 de febreiro

Un texto de Pily Dopazo

Pily Dopazo
Pily Dopazo

17 anos despois de casar el chegou cun ramo de rosas, 12 rosas dunha intensa cor vermella.
Ela estaba co traballo diario e sen vestirse, levaba a camiseta que poñía ao levantarse da cama, esa que ela dicía “de andar pola casa”. Recollera os cuartos dos nenos e fixera as camas; ordenara a sala na que máis ben parecía que houbera unha batalla campal que unha familia vendo a tele ata a hora de ir para a cama; o baño ulía a lixivia e o impoluto reflexo do espello agrandaba o espazo tanto coma se fose o dobre do seu tamaño real; só lle quedaba recoller o seu cuarto e pensar en que comerían ese día para ir á compra.
Estrañouse ao ver levantándose máis temperán que de costume, dende que se quedara sen traballo non había nada que o empurrase a erguerse antes das 10 da mañá. Vestírase e sen dicir onde, marchara.
Ás 12 e 25, 3 horas e cuarto despois, regresaba á casa.
Viña sorrinte, unha man coas chaves coas que abriu a porta e a outra escondida ás súas costas.
Ao entrar encontrou a Rosa camiño da cociña e o seu sorriso fíxose máis grande e nervioso,  Rosa intuía algo pero estaba moi cansa, a noite anterior deitárase tarde e non se durmiu ata pasadas as 3 da mañá. A discusión do día anterior fora dura, talvez das máis duras nos últimos meses. Andrés levaba 3 días sen volver á casa, sen facerlle sequera unha chamada para tranquilizala aínda que ela non o necesitaba. Había tempo que os dous sabían que non se querían, aquilo mantíñase polo que dirán e porque os nenos aínda eran demasiado pequenos.
Rosa levaba meses namorada, pero non de Andrés. Namorárase da vida, do sol, da compaña de quen a facía rir e a valoraba.
Andrés? Outro tanto… Levaba unha dobre vida da que todos sabían cunha muller á que el pouco lle importaba, pero levábaa a festas, a coñecer xente “importante”, a viaxes… e iso a ela éralle suficiente para soportalo.
Cando Rosa ía pechar a porta da cociña, Andrés díxolle que esperase, adiantou a man que aínda tiña ás costas e deulle as 12 rosas daquela intensa cor vermella mentres lle dicía “feliz día dos namorados! “

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*