Reflexións arredor do Rexurdimento (I)

Un texto de Xurxo Martínez González

Nos estudos da literatura e historiografía galegas sempre hai un espazo para analiza-lo Rexurdimento. Decote aparece como un dos capítulos máis significativos do pasado de Galiza. Non é para menos, xa que supuxo a incorporación da nosa terra á modernidade, tanto no plano estético como no ideolóxico (a creba co Antigo Réxime e o inicio do liberalismo).

Xurxo Martínez
Xurxo Martínez

Porén, na miña opinión, carecemos dunha obra referencial ou definitiva (que non derradeira) sobre este asunto. Unha obra analítica que debulle o interior daquel movemento renacentista. Isto non invalida a importancia das achegas académicas realizadas por profesores como Carvalho Calero, Anxo Tarrío, María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, Xosé María Dobarro, Francisco Rodríguez, María do Cebreiro, Anxo Angueira, Pilar García Negro, Manuel Rodríguez Alonso etc. (desculpen de antemán se hai algunha ausencia notábel que non lembrase). Mais ningún dos traballos é un volume das características ás que estamos aludindo. Non coñezo un libro con entidade académica onde consultar aspectos exclusivamente relacionados co Rexurdimento. O que máis se lle pode semellar é un tomo da enciclopedia Hércules.

Como pode ser que Galiza aínda non teña unha obra desta categoría? Incluso, como non posuímos biografías referenciais (ó xeito do Murguía de Barreiro Fernández) de senlleiras figuras como a propia Rosalía? Seica a este punto se está tratando de pórlle amaño en datas próximas pero evidencia as deficiencias da investigación e a falta de recursos que permitan esta citada tarefa.

O mundo académico precisa dun proxecto colectivo e comunal que supere as rivalidades intestinais e endereite na mesma dirección os esforzos. Un proxecto que afronte a análise do Rexurdimento nas diversas dimensións: literaria, ideolóxica, identitaria, sociolóxica etc. Porque é un asunto urxente para comprende-las bases da construción do discurso da nacionalidade. Coñecérmo-la evolución da perspectiva que o propio pobo galego ten da súa comunidade xa que o Rexurdimento supuxo o comezo dun xiro na consideración do propio: supérase a fase da autoxenreira para enfoca-la no recoñecemento do noso como algo positivo.

Nas vindeiras colaboracións en Letra en obras intentaremos apuntar algunhas cuestións que rodean o Rexurdimento dende a súa xénese. Unha proposta sen ánimos filolóxicos. Mais si que chame á reflexión do lector ou lectora.

O título completo deste artigo é: Reflexións arredor do Rexurdimento (I). A presentación do tema

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*