Jaume Cabré, o embaixador da literatura catalá

Jaume Cabré
Jaume Cabré

Xa hai ben anos que Jaume Cabré (Barcelona, 1947) é considerado un dos principais narradores en lingua catalá. Mais a subalternidade coa que historicamente se mira no Estado Español á literatura catalá, vasca e galega fixo que a súa obra fose case descoñecida ata hai ben pouco.

Porén, Cabré protagoniza o maior éxito da literatura catalá en Europa, especialmente en Alemaña, onde chegou a vender a incrible cifra de 500.000 exemplares da súa novela Les veus del Pamano (publicada en catalán en 2004 e traducida ao alemán en 2008). Pero como coñeceron a Cabré en Alemaña? Pois o xermolo desta paixón hai que buscalo na Feira de Francfort de 2007, que tivo unha xornada dedicada á letras catalás. Alí os editores alemáns recibiron traballos de autores cataláns que descoñecían e quedaron fascinados por Jaume Cabré.

Cabré publicou en 2013 unha nova novela, ‘Jo confesso’, que está a ter un éxito importante por toda Europa. En Francia conseguiu vender máis de 20.000 exemplares cando aínda non levaba tres semanas nas librarías. O éxito está a repetirse en Alemaña, Polonia, Italia e Holanda, países onde as vendas de exemplares se contan por ducias de miles. Cabré é tamén profeta na súa área lingüística (vendeu 70 mil exemplares desta obra en catalán) e por fin conseguiu entrar con forza no mercado en lingua castelá.

En Galicia a Editorial Galaxia publicou en 2002 a súa novela Señoría, traducida ao galego por Dolores Martínez Torres.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*