Cando me deitaba co Reader’s Digest

Un texto de Ramón Vilar

R.Vilar
R.Vilar

A miña afección pola lectura está dalgún xeito conectada con Nova Iorq, concretamente con Greenwich Village, unha das grandes áreas residenciais de Manhattan. Non, nunca estiven alí, a historia é moito máis revirada. En 1922 o matrimonio Wallace, que residía en Greenwich Village, pensou que atopara unha fórmula máxica para gañar a vida cunha publicación escrita. Os ingredientes eran os seguintes: formato de peto, periodicidade mensual e trinta artigos de interese xeral (un por cada día do mes). Eles mesmos encargaríanse de peneirar ducias de revistas para escolmar os textos e resumilos sen que perdesen a esencia. Logo de mandaren 5.000 cartas á procura de subscritores, os Wallace conseguiron 1.500 respostas afirmativas: nacía así a Reader’s Digest.

Aquela modesta revista non tardaría demasiado en se converter nun auténtico fenómeno de vendas en USA, que se espallaría posteriormente por todo o mundo a través dun sistema de edicións en diferentes linguas. En Reader’s Digest, cunha liña editorial conservadora e afervoadamente proamericana, podías atopar dende os “alarmantes” efectos da marihuana sobre o cerebro e o sexo, a unha reportaxe sobre Jomeini ou historias de supervivencia logo dun accidente aéreo.

RDAínda non comprendo moi ben como chegou aquela revista á casa de Rodís. Supoño que a través dalgún comercial. Lembro a meu pai fumando e lendo Reader’s Digest polas noites e como eu agardaba impaciente para saber da historia dun cazador de osos en Alaska ou como intentaran matar a Ronald Reagan. Segundo me fun facendo un pouco máis maior a miña ansia por ver o carteiro entrar na casa co Reader’s Digest comezou a minguar. A meu pai tamén lle foi interesando cada vez menos porque antes de eu chegar á adolescencia xa non viña a revista á casa. Para mediados dos 80 xa andabamos a outra cousa: Cerebro versus computadora; porque desaparece o ozono…A ciencia, para nós máis ben ciencia ficción traía tamén o carteiro coa cabaceira Muy Interesante.

Esta semana batín no faiado con algúns exemplares do Reader`s Digest. Relendo as súas contraportadas vexo o novo tempo de neoliberalismo integrista que inauguraban Reagan e Tatcher, pero a min o que máis me acorda son as noites de inverno, o aire frío que entraba polas fiestras de madeira e aqueles cazadores de osos que percorrían Alaska.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*