A pantalla da selva

Un texto de Antía Otero

Ata a data, pecharon no Estado Español máis de 150 salas de cinema. Nalgunhas cidades galegas xa non hai. Noutras, as de toda a vida, foron engulidas por centros comerciais.

Antía Otero
Antía Otero

Cando era nena, alguén me contou que nos Estados Unidos se querías facer a compra tiñas que coller o coche e saír da cidade ata chegar a un edificio onde había de todo. Que nas rúas desapareceran os mercados e as tendas e que a vida alí era máis organizada. Eu, mentres escoitaba,  só podía pensar na miña dose diaria de caramelos, regalices e pica-pica e no difícil que se me faría conseguila alí, sen o Ultramarinos de Fina onde mercar glicosa ás escondidas cada vez que miña nai pedía que fose coller o pan.

Na vila, ao pasar as burgas e a ponte do río estaban os cines. A miña primeira vez foi con Cazapantasmas. E lembro que tiven medo cando un monstro verde voaba por un hotel…mais non pasaba nada, porque ao lado había tres ducias de veciños ríndose completamente calmos e pronto comprendías que se o coñecido estaba tranquilo, non había que temer. E algo semellante pasou cando con seis anos fun soa ver O Oso, e Youk quedou completamente orfo ao morrer súa nai soterrada pola neve. Malia a mágoa e a excitación que producía descodificar as imaxes, ver aos adolescentes coas súas camisetas heavis e aos adultos do pobo mirando á pantalla naquela sala, daba tranquilidade. Corrían os anos oitenta e ir ao cinema era o mellor plan.

Hai unhas semanas levamos a Lois ver unha peli de animación ao único cine ao que agora podes ir se vives en Compostela. Acaba de cumprir catro anos e era a súa primeira vez. Camiñando con el da man, ao lado dos escaparates anunciando as rebaixas e a xente que corría tola polos corredores cargada de bolsas e cupóns desconto, recordeino todo. O distinto que era. A asimetría na experiencia. A transmutación do lugar. Unha muller véndenos as entradas ao mesmo tempo que os flocos de millo e pregunta que bebida imos querer sen mirarnos aos ollos. Descoñecidos entre nós agardamos cos pés fríos sobre a lousa a que abran as portas da enorme sala, que só se encherá nun trinta por cento. Dentro todo está escuro. A pantalla comeza a iluminarse por varios anuncios comerciais que recoñecemos da televisión. Lois olla para arriba, comeza a camiñar máis rápido, cóllenos da man e pregunta: – Estamos na selva?.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*