Luzes ou a aventura de buscar novos lectores para o xornalismo en galego

Dende hai uns días a revista Luzes, a última aposta xornalística de Xosé Manuel Pereiro e Manolo Rivas, está na rúa e a súa estrea está a ser todo un éxito. Este mesmo luns  a conta da publicación no Facebook anunciaba unha nova tiraxe para fornecer uns quioscos que están a quedar sen exemplares.

revista luzesO xornalismo en galego está de parabéns. Logo de ver como nos últimos anos se esfarelaba boa parte dos medios na nosa lingua, Luzes nace este mes de decembro erguendo a bandeira de que é posible un medio de calidade e, contra todos os que prognosticaban a fin dun ciclo, a aposta é unha publicación mensual en papel.

Non é este un xornalismo de palabras contadas. Todo o contrario. Luzes busca un xornalismo que deixe pouso, que conte pero que que sobre todo axude a interpretar e no que haxa unha certa vontade estética. Dende Letra en Obras puxémonos en contacto co seu coordinador, o xornalista Iago Martínez , para que nos contestase por escrito este breve cuestionario

-A revista Luzes nace coa vontade de ocupar un espazo claro: o do xornalismo para facer e ler de vagar, sen as présas do día a día. Cal é o perfil de lector que credes que estará interesado na nova publicación?

Sempre digo que hai revistas cazadoras, produto do cálculo, con estratexias compactas para atrapar lectores, e revistas máis xenerosas, de apertura, como Luzes. Revistas pacientes, que saben escoitar. Precarias, na mellor acepción da palabra. A aventura de construír un lectorado para a revista comeza agora. Hai que abrir un diálogo.

Para ler Luzes, é obvio, hai que dispoñer de 10 euros para mercar unha revista —non é unha banalidade: por desgraza, non todo o mundo pode permitirse un investimento así todos os meses—, ademais de gustar da lectura, a edición de calidade, o papel, etc. A partir de aí, todo está aberto. Non hai nada tan terrorífico como coñecer por adiantado quen van ser os lectores da túa revista.

-Tiñades claro dende o principio que a periodicidade debía ser mensual ou barallastes períodos maiores ou menores (semanal, quincenal, bimestral…)?

Polas características da revista e os tempos de produción que exixe non era viábel facela semanal ou quincenalmente. Afrontar un ritmo mensual xa é un reto enorme. Fixemos probas de carga e parece que a estrutura resiste o esforzo.

-Conseguistes os 500 socios fundadores en poucas semanas, fixestes un esforzo publicitario que é visible no primeiro número, comprometéstesvos a pagar colaboracións…Luzes é tamén unha aposta que intenta ir máis aló do simple voluntarismo e crear unha estrutura profesionalizada. Cales son os retos a curto e medio prazo?

Iago Martínez, coordinador da revista
Iago Martínez, coordinador da revista

O reto é que o número dous sexa mellor ca o primeiro, e así sucesivamente. E que o lectorado medre e faga seu o proxecto. E aprender a acertar. E si, entre as cousas que o mercado considera obsoletas e Luzes quere reivindicar, ademais do papel como soporte, a lectura como lugar de encontro ou o oficio da edición, en sentido xeneroso, está tamén o traballo remunerado.

-A literatura ten un peso evidente neste primeiro número: entrevista a Saleta Goi, adianto editorial de Fernández Paz, traducións poéticas… Vai ser Luzes un porto seguro para a literatura galega?

A entrevista a Saleta Goi ten pouco ou nada que ver coa literatura e moito coa política. A literatura, en sentido estrito, consome arredor do 10% da paxinación do número un. Será a revista un porto seguro para a literatura galega? Agardo que non. Belén Gopegui tiraba de Brecht unha metáfora para explicar en que consiste escribir politicamente: agardar en alta mar polos grandes temporais. Oxalá sexamos nós tamén capaces de evitar os portos seguros —o maldito consenso— para agardar en alta mar pola literatura, galega ou de onde for, e polo que veña.

-Xa se estará quentando o forno para o número 2, que nos podes adiantar?

Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro codirixen a nova publicación
Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro codirixen a nova publicación

Visitamos os campamentos roms de Marsella, esa Europa xenocida. Retratamos a Compostela en descomposición dos crimes de clase media, a corrupción municipal, a traxedia de Angrois e as leas de sotanas arredor do Códice Calixtino. Conversamos co home que venceu a Franco. Debullamos a sentenza do caso Prestige. Achegámonos á literatura que bebe dos xornais e ao pop que restaura a tradición das bandas populares de música. Revisitamos a última revolta estética da burguesía. Tratamos de deitar algo de luz sobre a primavera dos comuneiros de Cabral (Vigo) e comprender mellor a lei golpista de Seguridade Cidadá. Preguntámonos se cómpre ou non abandonar o euro. E así até 132 páxinas.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*