Cuestión de estilo

Un texto de Marcelino Fernández Mallo

E non estará algo sobrevalorado isto do “estilo literario”? Meu pobre o autor que careza de estilo, aquel cuxa escrita non sexa recoñecible! E sen embargo…

Marcelino Fernández Mallo
Marcelino Fernández Mallo

Que significa ter estilo literario? Basicamente, ser quen de utilizar un formato homoxéneo e identificable de narración, algo así. Dito doutro xeito: recorrer a unhas liñas expositivas e modos expresivos que dalgunha maneira sexan propios e peculiares. Un estilo de seu daralle personalidade ó escrito, carácter orixinal, unha sorte de imaxe de marca. Hai estilos tan enraizados que tanto se descobren nun artigo periodístico coma nunha novela, nun libro de viaxes ou nun ensaio.

Agora: o feito de considerar o estilo un valor positivo no suceso literario, non será tanto como poñer o autor diante da súa obra? Onde radica o valor da Torre Eiffel, na identidade singular que esta achega á cidade do París ou no feito de ter sido deseñada polo arquitecto francés? Tería acadado Madame Bovary a súa condición de icona da literatura universal se a popular novela tivese sido escrita por Maurice Chevalier, por poñer un exemplo calquera, no canto de ter sido Gustave Flaubert o seu autor? É que o estilo que impregna Marsé ás súas obras, ou Javier Marías, ou Manolo Rivas, son parte substancial das respectivas novelas ou estas poderían ter acadado un significado e unha audiencia similar a partir de estilos libres ou alternativos? Que tería sucedido se novelas coma Wilt, O proceso ou A montaña máxica tivesen sido publicadas como obras anónimas? Digo máis: non cabería a posibilidade de que as mesmas obras redactadas cun estilo distinto desen un resultado superior? Ao cabo, cada autor escolle unha historia e aplícalle o seu estilo propio de escritor, non necesariamente o estilo que mellor lle acae. Teimo na idea: que vos parecen esas novelas cuxos personaxes semellan alter egos do seu creador? Esas nas que os protagonistas herdan riscos propios do escritor, incapaz este de vencer a tentación de verse reflectido nas súas creacións.

Permitirédesme reivindicar humildemente a figura do escritor sen estilo, aquel capaz de adoptar unhas formas, una sintaxe e ata un léxico diferentes en función da historia que se dispoña a relatar.

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*