Anatomía dunha letra

Un texto de Raquel Boo Anderson

Fronte o seu computador, o deseñador e tipógrafo Marcos Dopico amosa aos presentes anacos dunha fonte que está a debuxar. A sucesión de letras mora na pantalla, negro sobre branco, constituíndo unha ringleira de xestos que non se concreta en palabras. Percibo os trazos que me resultan familiares, liñas que me recordan outras, o coñecido… e despois de ollala con detemento comezo a ver xusto o contrario, o que a distingue, o que a fai única.

RaquelE como quen ve nacer, mirando engaiolada aquelas liñas, sabendo que acabarán por compoñer todos os termos do dicionario; sinto emoción, admiración e unha sa envexa do traballo ben feito. Porque debuxar letras non é tarefa doada. Esixe dunha orquestración de movementos complexa, resultado dunha análise formal que leva tempo e un teimudo esforzo.

Como lectores, a representación gráfica do noso alfabeto é algo que temos demasiado interiorizado, pasando inadvertida a anatomía das letras e a idea de que están expresamente deseñadas para que poidamos ler, para que funcionen unhas con outras en harmonía. Todas elas veñen sendo de alguén, non apareceron de súpeto nas imprentas e nos sistemas operativos. Desde Gutenberg coa Blackletter até os nosos días, foron moitos os que se aventuraron na ardua labor de crear tipografías: Garamond, Caslon, Baskerville, Didot, Bodoni, Renner, Gill, Joshton… configurando un completo sistema de clasificación en base as súas achegas.

Entre nós conviven romanas antigas, romanas de transición, romanas modernas, exipcias, grotescas, neogóticas, xeométricas, humanísticas, caligráficas, ornamentadas… E como nesta vida todo é susceptible de volverse amor; teñen amantes e detractores, consúmense en tendencias e modas, marcan épocas e inflúen caladas no que vemos ou berran a gritos o que somos.

Raquel Boo Anderson
Raquel Boo Anderson

Hoxe a tecnoloxía pon ao noso alcance as ferramentas, mais non o talento, para poder deseñar unha tipografía. E de igual xeito que a case todos os arquitectos e arquitectas lles chama deseñar unha cadeira, ese elemento tan icónico e que reflicte a súa forma de concibir o espazo, penso que aos deseñadores, antes ou despois, nos entra a inquietude de deseñar a nosa tipografía. E debe ser adictivo, porque quen proba non adoita quedarse nesa.

Aventuro a dicir que en Galicia queda moito por facer no deseño tipográfico e que cada día esta disciplina suma adeptos. Xosé Vizoso, Carlos Núñez, Marcos Dopico, Rubén Prol, María Agra, Pancho Lapeña, María Ramos, Óscar Otero, Dani Vázquez… e un feixe máis de valentes abren e marcan camiño. Se tedes curiosidade, tirade do fío e coñecede as vosas letras, as que se forxan aquí, pero que teñen vocación universal, coma todas as tipografías.

E nestas datas nas que todos facemos, incluso de xeito inconsciente, listaxes de propósitos ou obxectivos para o vindeiro ano, vexo que o corpo me pide tipografía. Sei que será unha viaxe longa, pero unha aventura necesaria, porque o meu amor polas letras é literal. Boas festas e boas letras.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*