Porto dalle prioridade á cultura

Porto
Porto

Rui Moreira (Porto, 1956) é dende hai poucas semanas o novo rexedor de Porto. Boiante  empresario nado xa nunha adiñeirada familia da cidade, Moreira presentouse como independente, aínda que apoiado polo conservador CDS-PP, á presidencia da Cámara de Porto e saíu vencedor á primeira. Ideoloxicamente sinala que se considera “de esquerdas no social pero na organización do Estado, de dereitas”. O desgaste dos partidos tradicionais xogou a favor del mais tamén, sen dúbida, un programa diferente que presentaba tres alicerces: cohesión social, economía e cultura.

Pero cal é a mensaxe no plano cultural? Rui Moreira sostén que Porto ten todos os condicionantes para ser un referente cultural a nivel internacional. Por iso quere que a cultura se converta nunha marca de identidade da cidade de cara ao mundo. Se a cultura crea “economía e cohesión social” ten que ser un eixo central da política municipal, esta é a mensaxe central do novo alcalde.

Rui Moreira
Rui Moreira

Pero cales son algunhas das principais promesas a este respecto para os vindeiros catro anos? Eis algunhas delas:

-Apostar pola internacionalización dos creadores da cidade para que participen como embaixadores da Marca Porto.

-Incidir na dimensión económica da cultura.

-A cultura debe ser unha área central en todos os barrios. Aposta polo programa “A cultura fóra de sitio”, unha maneira de sacar as actividades culturais dos lugares habituais.

-“Caminhos de criaçao”. Elaboración e dinamización de rutas para descubrir a cidade da man dos periplos artísticos de escritores, cineastas, pintores…

-Residencia para artistas estranxeiros. O novo goberno local comprometeuse a crear bolsas económicas e de residencia para que artistas doutros lugares do mundo pasen estancias en Porto.

E se a cultura se converte nun dos eixos centrais da política e non nun departamento incómodo e secundario? Pode converterse Porto nun facho doutra política cultural? A aposta do novo alcalde da segunda cidade de Portugal está no aire agora falta ver se se concreta ou se só queda nunha simple promesa.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*