Literatura que mata

Un artigo de Elba Becerra

Como non podería ser doutra maneira nesta noite de bruxas, pantasmas e renacer de mortos viñéronme  a cachola todo tipo de medos infantís e outros non tanto. Unha cousa é agardar que un vampiro pete na fiestra da habitación e outra moi distinta que o que pete sexa un asasino en serie (que, de boas a primeiras,  parece máis probable). Sen dúbida, estes últimos impóñenme algo máis de respecto.

Elba Becerra
Elba Becerra

Deixando a literatura vampírica a un lado, que por outra parte está moi de moda, acordeime do Crime Verdadeiro, un xénero novelístico moderno que relata un suceso criminal directamente sacado da vida real. Pero de qué estamos a falar? de xornalismo ou de novela? Poñamos que falamos dunha fantástica fusión.

E para mostra a novela de Truman Capote “A sangue fría” quen ofrece unha moi ben descrita reconstrución dos feitos, antecedentes, causas e consecuencias do cruento asasinato dos catro membros dunha familia modelo nunha vila de Kansas. Capote documentouse a fondo para crear unha verosímil atmosfera que fai tremer  a calquera.

Outras veces o Crime Verdadeiro céntrase na análise da mente do criminal. Nestes casos poderiamos falar de xornalismo, novela e psicoloxía. “The Stranger Besides Me” de Ann Rule sería un bo exemplo, xa que a autora relata a súa relación co seu amigo Bundy, que ademais de amigo era un asasino. Outra boa novela coa que xogar a suxestión esta noite  seria “Helter Skelter” sobre o famosísimo asasino en serie Charles Manson. Sería curioso saber cal era o libro de cabeceira de tan ilustre personaxe…o que si sabemos é que David Chapman (o asasino de John Lennon) manifestou a súa obsesión polo “Vixía entre o centeo” , entre as súas páxinas atopou a  inspiración necesaria. O que me leva a facerme unha pregunta. E  se resulta que escribes un libro que sirve de fonte de inspiración para algún psicópata? Convértete iso en cómplice de asasinato por exemplo ?.

Que complexa debe de ser a cabeciña dun asasino en serie…o resto dos mortais non comprendemos como é posible que alguén encontre pracer acabando coa vida doutro, mesmos algúns atopan nese ritual algo liberador. Camilo José Cela, cómpre aclarar que sen premeditación e alevosía, achéganos a través do personaxe Pascual Duarte un minucioso retrato dunha mente psicópata.

Aquí deixo algunhas ideas para comezar a investigar o mundo, espero descoñecido para todos, dos asasinos en serie e demáis psicópatas. Porque ás veces pasar medo entre lecturas mola moito.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*