Actitude “Copyleft”

Un artigo de Andrés Carrasco

Andrés Carrasco
Andrés Carrasco

Agora que eu escribo menos, pero non por canto eu escriba vai deixar a literatura de ser o tema central acó, dáme por facer balance do que escribir me deu mentres me tivo máis ocupado. Para comezar, paciencia. Persistencia. Esas están claras, malia queixarme de ser mal escritor e de perder moito tempo ata resultar insoportable a quen teño a carón. Despois a posibilidade de volver a facelo, que xa non é o mesmo que a posibilidade de comezar, pois xa sei mellor o que cómpre e non cómpre facer para gozar do asunto. Tamén detectar os malos hábitos que me impedían mellorar. Por exemplo, o de adoitar botarme a escribir algo novo xusto despois de ler a convocatoria dalgún certame con premio en metálico que “pagase a pena” (neste caso tomar a frase no sentido literal e sacar conclusións non é mexar fóra do testo). En definitiva, que todos os réditos que digo que quito son puramente abstractos; ideas, emocións. E ao final a valoración que me interesa é esta, e non a dun par de premios que xa fundín. “A que tanta urxencia polos resultados, entón?”, pregúntome agora que é tan obvio. Pois nada, a nada. Menos urxencia en diante, mira ti que ben. Que polo menos, xa que non hai cartos, aínda se pode extraer sentido ás cousas.

Así que hoxe decido manter a inxenuidade, sorprenderme máis decote. Decido escribir ou traballar por simple gratitude mentres sexa a miña escolla. Porque así, sen pensar, abúrrome menos a min mesmo e sigo aprendendo, sen pago de taxas. Encoméndome traballos “copyleft” para ter motivos abondo para erguerme antes do mediodía e enfadarme menos polas circunstancias. E procuro aferrarme menos a determinados logros supostamente grandes e aínda menos a erros supostamente grandes para celebrar ou facer mofa dos minúsculos de ambos xéneros.

Teño un pequeno texto sobre a miña casa que algún día tallaremos nun madeiro para colocalo á beira da entrada, pois seguramente non teña outra razón que esa de ser unha sorte de mensaxe de felpudo. Non é vendible, pero non importa. Ao final a propia escrita e a literatura ben lida, aínda se son de baixa calidade, poden agochar a perfecta utilidade de axudar a superar o pánico a tanto “copyright” e dende aí comezar a construír unha alegre desobediencia. Un xeito de querer ficar cando non está precisamente de moda.

3 Comentarios

  1. A escritura ten de vicio o mesmo que de oficio. Hai que escribir polo puro pracer de facelo, e se conseguimos réditos de escribir, benvidos sexan. Ánimo e a coller o cuaderno.

  2. Pois Andrés, unha das miñas mellores novelas, por certeira, potente e concisa, escribina para un certame literario, en canto souben da convocatoria. Logo os fillos do demo non ma premiaron e aí segue, inédita. Pero é das mellores que teño.


    A Pequena Novela Galega:
    apequenanovelagalega.blogspot.com.es

  3. Si, eu o meu mellor conto tamén, pero logo resulta que teño nonseicantos proxectos inacabados porque se me pasou o prazo. Vaites, eu coido que non é a táctica. Nin para escribir nin para o demais.

    Saúdos!

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*