Perversión da linguaxe e deconstrución da democracia

Un artigo de Albert Tortajada*

*O título completo deste artigo era “Sobre a perversión da linguaxe e a necesaria deconstrución da democracia”

A principios dos noventa espallouse, dun xeito enfermizo, no mundo empresarial o emprego de eufemismos rimbombantes para denominaren os postos de traballo. Así un vendedor que atendía comedores grandes pasouse a denominar “Sales Manager Canal HoReCa” e chegouse a estupideces do tamaño dos Ancares ao chamarlle “Técnica especialista en comunicados escritos” a unha simple mecanógrafa (non, non había Word -nin Windows- nas oficinas). Unha compilación colectiva entre a xente que tiñamos traballo nesa época daría para un artigo entretido.

Albert Tortajada
Albert Tortajada

Nos medios de comunicación, un fanático uso dos eufemismos foi o primeiro paso dunha progresiva perversión da linguaxe. Hoxe en día ninguén ten collóns de chamarlle negro a un orixinario de Camerún, nin marica a un homosexual afeminado, asoballado pola presión da linguaxe que se pretende “correcta”. A clase política, rodeada por moitos deses asesores de imaxe especializados en manipulación de masas, non só adoptou (sen rubor algún) esa ocultación sistemática de palabras con connotacións negativas, se non que chegou a prostituír o discurso de tal forma que apareceron expresións como “aceleración negativa” para definir a recesión e que tiñan, ata hai pouco, o seu paradigma sumo no “despedimento simulado con indemnización diferida” que pronunciou a señora Cospedal sobre a “curiosa” situación de Bárcenas no PP e que nos deixou á maioría coa boca aberta ao ver que nos estaba chamando subnormais (desculpa, retrasados mentais) diante dos micrófonos e cámaras, sen apenas pestanexar. Nin ela, nin nós.

O tempo permite a superación de calquera fito e a esa definición xa lle adiantaron pola dereita, por un concepto que se pronuncia alegremente como algo positivo e que, ben analizado, infire moita preocupación. Trátase do “avellentamento activo”, un termo que empeza a circular desvergoñadamente entre os homes de negro e os seus acólitos, que vén a significar que existe a posibilidade certa (e inevitable) de que teñas que traballar despois de cando te agardabas xubilar. Non vas ser un “vello inútil”, alégrate, poderás seguir sentíndote realizado traballando, vén a ser a mensaxe. Se menciono agora o Arbeit macht frei (o traballo libera), o lema que estaba exposto á entrada de moitos campos de exterminio nazis, é porque ten unha ligazón uns parágrafos máis adiante.

A mentira sistemática, pronunciada como se fose verdade, funciona, dá os seus froitos. É un traballo a longo prazo, pero xermola indefectiblemente. Un dos refráns máis curtos que posúe a lingua española xa o anuncia: “Calumnia, que algo queda”. As radios comerciais aplican unha técnica parecida coas cancións mediocres. A base de repetilas a todas as horas, conseguen que a xente as baile nas verbenas ou nos “pafetos”. A veces, ata conseguen que lla reclamen á orquestra, ou ao DJ. A xente é así de parva (sobre todo cando bebe).

De tantas veces que oín falar dos “brotes verdes” nos últimos anos, ata eu creo enxergalos entre as pedras, se non tomo té en doses elevadas ou café en moderadas, antes de saír da casa. O pasado luns, no súper, confundinos co pirixel e marchei para a casa cun monllo para transplantalo a un maceteiro do balcón, pensando que todo estaba amañado, que por fin había luz ao final do túnel. En Galicia é doado equivocarse, aquí é “todo” verde (permítome alimentar, perversamente, o mito). Pero é que hai xente que os viu, os putos cabróns eses, en Castrojeriz, en plena meseta castelá, no mes de agosto, o que atenta contra todas as leis da Natureza, da Economía e, engadiría, da Ética máis básica.

Non, non hai brotes verdes. Na marea de datos estatísticos que produce o CIS, algún hai que se pode interpretar en clave positiva, se tes uns mínimos coñecementos da materia. Pero todo o que leu algo de estatística sabe que unha tendencia non se pode construír (nin albiscar, isto son datos, nin bolas de cristal, nin runas, nin pousos de café, nin a carta do aforcado que quita a corda) cunha mostra pequena. E suponse que nos dirixe xente seria (tiven que parar cinco minutos, entroume un ataque de risa, síntoo), non Rappel e a Bruxa Lola. Pero ven brotes verdes en agosto, na meseta castelá, manda collóns, que me pasen o guasap do seu “camello” eu tamén quero probar iso que se meten.

Antes teremos os Encontros na Terceira Fase que vermos, xermolando, brotes verdes. Refírome aos nosos, os da ex clase media. Os seus e os dos seus Señores do Diñeiro, igual si. Porque Botín ve divisas a moreas chegando a España, poida que sexa certo. Ao prezo que está a hora de escravo neste país medio civilizado, é máis interesante (polo tema loxístico) montar unha fábrica de camisolas de Ronaldo (ou de latas de conserva) en Bueu que en Bangladesh. Pode ser que os brotes verdes eses xermolen en ‘granados’ e entón veremos as granadas. Algúns ata as poderán recoller. Pero comeremos patacas. Con sorte, todos os días.

Esa táctica de espallar os intereses dunha maioría ao colectivo non é máis que o intento de aplicación, á situación económico-social, dun tic moi futboleiro, nun país onde o único elemento de cohesión entre as diferentes rexións e nacionalidades foron as seleccións deportivas. É moi común que un afeccionado manifeste despois dun partido: “Gañamos”( ou o contrario, ou nin o un nin o outro). A ver, que o saibas: Ti non gañaches nada. Os teus recursos monetarios, o teu patrimonio e os teus problemas son os mesmos que tiñas antes de comezar o partido. Poderás estar contento de que “eles” gañasen; os xogadores do quipo, os empregados do clube e os accionistas da Sociedade. Pero ti non “gañaches”, a non ser que apostases cartos para iso, arriscando parte da túa liquidez inmediata. Así que, podes ir durmir máis feliz que antes do partido, pero igual de pobre, que non te confundan.

Esta semana o paro volveu subir e confírmase os dramas (entre outros) de Fagor e a morte anunciada de Canal Nou que, dito sexa de paso, non me parece mal. A boas horas saen facer “xornalismo” os traballadores desa gardería de enchufados. Canal Nou é un dos exemplos de como “non” hai que facer as cousas, iso seguro que xa o sabían hai moito tempo os asalariados desa empresa. A elasticidade de todos os materiais ten un “punto de ruptura” que, cando se pasa, significa que o tema, sexa cal sexa, rompe. En física non hai perversión da linguaxe, os científicos acostuman ser xente práctica. Se en ciencia se impón o pragmatismo é, case sempre, porque inflúen temas políticos.

As cousas que rompen non se poden recompoñer se non hai cola. E en Valencia nin teñen cola, nin ninguén que lla preste, así que o momento de falar da viabilidade de Canal Nou non é agora. Era cando a Copa América, o Mundial de motos, a F-1, a guita que lle levantou Urmangarín e outra decena coma el que souberon desaparecer discretamente cos papeliños de cores que trincaron. Nestes momentos é demasiado tarde. Vale, esas non eran formas, de acordo. Pero…Realmente agardaban outras formas desa ‘peña’ de apostas?

Resulta que a xente é imbécil e non se dá conta de que lles menten? A ver…imbécil é ser algo menos castigado pola falta de intelixencia que idiota e algo máis que estar impregnado de estupidez. Porque a estupidez pode ser innata ou, tamén, un envoltorio aceptado. Nos dous primeiros casos (imbecilidade e idiocia), é imposible que o suxeito poida discernir entre a verdade e a mentira. O terceiro (estupidez) se fai esforzos suficientes podería. Se quere. E aquí non se quixo ver, ou mirouse noutra dirección.

arbeit_macht_freiÉ deliberada esta perversión da linguaxe, empregada polos membros do Sistema? Sen lugar a dúbidas, si, xa superei o medo a que me chamen conspiranoico. Porque isto é unha conspiración organizada. Os nazis, por citar un exemplo moi claro de abuso estremo dun Sistema sobre un colectivo, conseguiron anular a vontade dos xudeus ata o punto de que estes cooperaron activa e ordenadamente no seu propio exterminio. Sen esa colaboración (activa non ía entre comiñas) sería imposible que chegasen a asasinar tal cantidade de seres humanos. Como moito poderían eliminar un par de millóns e medio, con esforzo e dedicación, pero non máis.

Mais conseguiron que se anotasen eles mesmos en listas, que relacionaran escrupulosamente os seus bens para que puidesen embargarllos máis facilmente, que subisen mansamente (agás contadísimas excepcións) aos trens, que se espisen e que colocasen ordenadamente a súa roupa e pertenzas de valor e que entrasen nas cámaras de gas e, logo, que os Sonderkommando, formados por xudeus, metesen os cadáveres nos crematorios e/ou os enterrasen, despois de arrincarlles as moas de ouro e o pelo. A maioría de veces, cun par de pelotóns de soldados das SS que supervisasen todo o proceso, que podía prolongarse ao longo de moitísimos quilómetros onde xogala a “algo ou nada”, era abondo para que un par de milleiros de xudeus pasasen do gueto de Varsovia ás foxas de Auschwitz, de Lodz a Chelmno, ou de Lom a Treblinka.

Trinta contra dous mil. Iso, sen a colaboración dos Judenrat (os consellos xudeus) tería sido imposible ou tería consumido uns recursos de persoal que Alemaña, en 1942, tiña comprometidos en varias fronte de loita. Non estou proclamando que os xudeus colaborasen docilmente no seu propio exterminio, que o fixeron. Estou sinalando a capacidade dos nazis para anularen a resistencia duns seres humanos que, na súa maioría, camiñaron mansa e ordenadamente cara a súa morte. Estes dous conceptos están excelentemente desenvoltos en Un estudio acerca de la banalidad del mal, de Hannah Arendt e aquí só estou expoñendo algunhas analoxías perigosamente semellantes co que sucede a día de hoxe no noso estado (escrito, deliberadamente, en minúsculas).

O proceso de anulación da vontade de resistencia dos xudeus incluíu unha interesante escalada na perversión da linguaxe dende a chegada ao poder do NSDAP, o Partido Nazi, en 1933, que facía parecer inocentes ou, máis ben, inocuas as progresivas manobras dos nazis para agrupar os xudeus en guetos, cuxo obxectivo inicial era, lembremos, a expulsión de Alemaña. Pero como non tiñan onde “emigrar” (ese era o eufemismo empregado inicialmente) a tal cantidade de xente, decidiron optar polo “realoxamento” (isto é, pechalos en guetos) e, como non lles cabían todos nos que montaron, optaron en 1942 pola “Solución final”, o “despedimento diferido” de entón, o cumio da perversión da linguaxe da época, que significaba, como todos sabemos, “asasinar en masa”, nos cinco campos de “concentración” (exterminio) que ergueron a tal efecto, previo saqueo de bens.

As condicións do Holocausto xudeu na Alemaña nazi eran algo diferentes das actuais de España. A máis importante (e a que nos pode salvar) é que entón os xudeus eran unha minoría en medio dunha maioría fanatizada. Agora somos unha maioría á que lle puxo o xugo unha minoría mercenaria. Non queren matarnos, porque os mortos nin traballan, nin compran. Pero exterminarnos como persoas con identidade propia, si. Queren que quedemos como escravos modernos con capacidade de traballar para sobrevivir e mercar o básico, con iso a súa maquinaria funciona para que os seus brotes verdes se convertan en ‘granados’ e que nós vexamos as granadas e ata algún poderá recollelas. Pero, xa o dixen, nós comeremos patacas.

De momento, xa anularon a vontade colectiva, a capacidade de resposta efectiva. Goebbels estaría orgulloso do sistema empregado, perversión progresivamente graduada da mensaxe e mentira sobre mentira, conseguiron que as vítimas da crise se sentisen culpables da mesma. E alguén que se sinte culpable queda atordado e ten anulada a súa capacidade de reacción. Ese proceso de traslado da responsabilidade conseguírono a base de colar repetidamente nos medios a supostos expertos repetindo embustes (ou medias verdades, que son unha forma de camuflar con caramelo o engano), coma unha canción mediocre de radiofórmula, técnica que, xa dixemos, funciona.

Repasemos, como exemplo, algunhas das falacias máis espalladas que callaron profundamente no colectivo:

“É que se viviu por riba das nosas posibilidades”. Os organismos de Goberno, a inmensa maioría, por suposto, aí están os balances das Administracións. Iso é o “perdemos” futboleiro, de novo perversamente enunciado. Pero a xente chan, non, en xeral. Bastantes, si, arrastrados polo seu entorno social. O individuo non está afeito a cuestionarse se o seu comportamento é correcto, se o colectivo actúa maioritariamente nun sentido. Outros cándidos foron empurrados ao abismo polos esbirros cualificados dos prestamistas de diñeiro, que eran empurrados á súa vez a facelo polos seus superiores, nunha cadea que se perde nas nubes dos centros de decisión.

Pero a verdade é que a inmensa maioría vivimos, simplemente, “por riba das nosas necesidades”, que é moi diferente. Con axustar os nosos ingresos ao que é realmente importante para as nosas vidas, despois dun proceso que pode ter sido máis ou menos doloroso, tiramos para adiante.

“É que aquí roubaba todo o mundo”. Maticemos…Apropiarse de algo que non é teu pódese facer de varias maneiras. Mediante furto, roubo, estafa, fraude, usurpación ou apropiación indebida, creo que non deixo ningunha (tampouco ten importancia, se é así). Pero, para que calquera desas formas de “roubo” sexa considerada delito, o valor do sustraído debe superar (na maioría dos casos) os 400 euros. E, sexamos sinceros, en España só tiñan posibilidade de delinquir uns poucos. O resto podía, como moito, pagara unha reparación sen IVE ao fontaneiro, ou vender uns grelos sen factura. E non, non é o mesmo vender grelos en “B”, que cobrar comisións millonarias pola adxudicación de obras ou a recualificación de terreos, práctica que instauraron, dun xeito ou outro, todos os partidos que estiveron no poder e os seus sindicatos acólitos.

O problema deste país foi a inxente malversación de caudais públicos en beneficio propio ou de amigos e familiares, que é algo tan sutil como conseguir que outros rouben por ti. Ser cómplice ou beneficiario dun delito non ten a mesma carga negativa que a de autor, coautor ou participante. Iso é o que, moralmente falando, cre a maioría. E ser indutor está rodeado dunha perigosa mística hollywoodiana. O sinónimo que máis se usa é neste caso o de “cerebro” que, en delitos sen sangue, acostumaba a estar moi ben considerado.

crisis-financiera-causas-iniciales_1_1058592“Xa tocamos fondo” ou, dito doutra maneira, “xa non poden ir peor as cousas”. Iso, dende 2008, é, canda os dos brotes verdes, o embuste máis repetido. Cando estás nun nivel de supervivencia, o pensamento dunha acción traumática para provocar un cambio, dá medo. “Virxenciña, que quede como estou”, pensa a maioría, que cre esa merda e deixan que o medo os atenace, iso forma parte da estratexia. Se tivesen algo de memoria máis alá dos resultados da xornada futbolística anterior, daríanse conta de que en 2009 estabamos peor que en 2008. En 2010, peor que en 2011. En 2012, peor que en 2011. En 2012, peor que en 2013. E en 2014 estaremos peor que en 2013, porque non hai un só dato que nos beneficie, nin unha soa previsión seria, nin, lamentablemente, ningún augurio baseado no oráculo do I Ching (tirei dez veces as moedas e o resultado máis favorable é sinónimo de “cataclismo”)

Nada nos permite sermos optimistas ( á ex clase media, refírome), antes de tres ou catro anos, como pouco. Pero intentarán convencernos do contrario, antes hai Eleccións Xerais; en dous anos. E xa expliquei como o farán: bombardeándonos con mentiras e máis mentiras e datos falseados e manipulados. E, lamentablemente, moitos vanos crer.

 “Non serve de nada ir votar”. Aceptar iso supón renderse, que é exactamente o que agardan de nós. Canto menos xente vaia votar (é o único mecanismo pacífico para desmontar o seu particular choio) máis beneficiados saen os partidos maioritarios, porque o Sistema está deseñado por e para os grandes partidos que, por suposto, non van cambialo. En aras dese mecanismo, en Galicia goberna (con maioría absoluta) un partido que só recibiu o apoio do 23% da poboación con capacidade de voto. En España, goberna outra maioría absoluta que xa sabemos o que fixo coas mentiras do seu programa electoral a xente ten moi pouca memoria.

Lamentablemente, non hai moitas alternativas aceptables. Hai que recoñecer que souberon desarmar moi ben a Plataforma do 15-M, nun traballo moi ao Gestapo style. Pero se non aparece unha organización decente de aquí ás vindeiras elección, o panorama é moi sombrizo e se, como é previsible, non hai unha revolución (que non a haberá), a única saída é evitar unha maioría absoluta de quen sexa, aínda que a miña opción favorita segue a ser Escaños en Blanco, unha iniciativa para recoller votos e deixar os asentos baleiros no Parlamento, algo moi inútil, democraticamente falando, pero moi romántico.

O pobo indígnase porque cre que os políticos de hoxe actúan igual que os Judenrat da época. Que os seus “representantes”, democraticamente elixidos, deberían defender os seus intereses. ¡Meeeec! Erro. Os políticos non son como os Consellos Xudeus da época que, baixo a premisa de salvar uns poucos elixidos, decidiron sacrificar unha maioría. Os partidos políticos, paraugas baixo o que se acubillan os esbirros con cargo político, forman parte do Sistema. Un Sistema que está mellor organizado que o nazi, algo de tempo pasou dende aquela para melloralo.

Verás a Eichmann, burócrata obediente e ben remunerado e cun bo carrusel de prebendas á súa disposición. Pero non verás nun a Goebbels, nin a Himmler nin, por suposto, a Hitler, eses viven na súa burbulla de discreta opulencia e que sempre terán un Eichmann disposto a lamberlle os pés ao amo ou a un Kastner (o húngaro que salvou a 1684 xudeus, pero que mandou ás cámaras de gas a 476.000), disposto a formar parte da engranaxe, cambiando dignidade por unha vida mellor.

E a xente non se rebela. Saquéanlle, organizadamente, os aforros dunha vida e ninguén lle prende lume á sucursal do banco co director esposado á caixa de caudais. Algúns limítanse a se suicidaren, vaia falta de coraxe. Polo menos leva por diante ao ladrón que te deixou nese estado. Noutra perversión da linguaxe que me ten completamente perplexo, organízanse “manifestacións festivas”. A ver, que o entenda…Vas protestar ou a unha esmorga? Porque as dúas cousas, á vez, non teñen sentido e están abocadas ao fracaso. Podería facer o chiste fácil da música militar pero xa o fixen catro palabras máis atrás.

091005144741_sp_comedor29_getty_526x395O escarnio absoluto consiste en que sexan as Asociacións privadas (Cáritas, Cociñas Económicas, Asociacións de Veciños, etc.) as que estean a capearlle a revolta ao Goberno, alimentando aos máis necesitados e pagando as súas facturas máis elementais. Heydrich volve asentir compracido, mentres segue sen haber ninguén que faga nada efectivo para cambiar o final do conto de Alí Babá e os corenta (mil) ladróns. Un dato publicado en Libertad Digital (si, ao inimigo hai que lelo):  “O primeiro ano de Goberno do Goberno de Rajoy saldouse con máis de 36.000 manifestacións e concentracións en toda España, sen contar as celebradas en Euskadi, o que supón unha media diaria de case 120 protestas”.

Non entrarei a valorar por que non contan as do País Vasco, porque eses datos téñenos e…Que máis dá? Trinta e seis mil manifestacións festivas. Primeiro eran “pacíficas”, pero pacífico asóciase a “pacifista” e xa sabemos como son os pacifistas, ese estereotipo sementárono e fixérono xermolar moi ben: porcalláns, folgazáns e subversivos. Uns “perroflautas”. E “nós” non somos así, somos honrados e traballadores pero xa que nos están dando paus por todas as partes, xuntámonos os amputados polos bancos e pasámolo teta tocando o chifre, gustaríame saber quen organiza iso e que fin agarda conseguir. Si, xa sei, a caveira de Heydrich esboza outro pérfido sorriso.

Será moi relaxante, moi bo para a autoestima, pero non funciona. Son 36.000 concentracións nun ano e as que viñeron despois. TRINTA E SEIL MIL, cona, que non se coou ningún cero de máis. 36.000 e non serviron para nada. Eles seguen á súa.

E non se che ocorra pasar cunha pancarta, camiño dunha festa ‘manifestativa’ desas, por diante do portal das súas casas. Porque te arriscas a que te empuren por acoso ou sedición. Por “escracheiro” ou “escracheira”, xa postos. No meu dicionario da RAE, escrachar é “romper algo en anacos” ou “pegarlle a alguén con dureza e reiteración”, non ten nada que ver cun grupo de xente exhibindo pancartas e berrando proclamas. A indignada perversión do termo “escrachar” vén dos mesmos que chamaban, en público, “terroristas” a toda a esquerda abertzale e “curmáns dos batasunos” a todos os votantes de Esquerra Republicana. Non lle debo chamar negro a Eto’o nin marica a Antonio Gala, porque iso é ofensivo ou discriminatorio, pero, en cambio, un señor de esquerdas de Ursubil, afín a unha idea dunha Euskal herria separada do estado español (que si, en minúsculas) é, sen posibilidade de defensa, un terrorista, isto é peor que a libre etiquetaxe en fesibuc. E alguén que axita unha pancarta porque está farto, ou farta, ou menopáusico, ou aburrido de non atopar traballo, é violenta. Ou perigoso. Ou as dúas cousas, se é unha maricona orgullosa de selo.

Antes había menos manifestacións. Pero ás manifas íase a protestar de verdade. Estaba o sector que montaba as pancartas e o que acumulaba pedras e combinados de combustible inflamable. E os políticos cagábanse de verdade. Agora van ao Club de Campo pola mañá e, na sobremesa, algún assistant tenlles montado un vídeo cos mellores momentos das festas manifestativas do día e eles rin, mentres saborean un escocés de 20 anos ou máis. Menos festa e máis protesta, é o que fai falta. Apoloxía da violencia? É posible. Pero penso alegar “defensa propia”, Señor Xuíz. E xa o aviso de que a lista de agresións que teño compilada augura unha vista longa e un sumario bastante tocho.

Dirame alguén que sinalei que houbo 36.000 manifestacións, que algunha sería unha protesta das que dan medo. Apenas non. Aí está o segredo, na fragmentación, na división, levan facéndoo dende 1873, que eu quixera recordar e, coa transición, cambiaron as formas pero non o fondo. Sempre enfrontando, sempre distinguindo, non houbo nin un só impulso institucional para que todo o mundo se sinta emocionalmente ligado a alguén que vive a máis de tres mazás da súa rúa, que merda lle vai a importar a alguén de Almendralejo ou que lle pasa a un de Getaria, aínda que os dous fosen vítimas dun ERE desapiadado.

E así, dende o 15-M, agás para a cadea humana da Vía Catalana (esa si que os amedrentou) non houbo unha manifestación realmente masiva. Nin perigosa para o sistema, agás, quizais, a Marea Branca en Madrid e, agora, a folga de recollida de lixo. Pero é que o verdadeiramente milagroso é que en Madrid, cos saqueadores que os (des)gobernan, non montasen aínda unha guillotina na Porta do Sol. (Heydrich, se volves mirarme con suficiencia, traslado os teus osos a un cemiterio xudeu).

Suxería “deconstruír”  a Democracia, se quixese parecerme a eles, pero, que cona! Chamémoslle ás cousas polo seu nome. O que hai que facer é, directamente, desmantelala para volvela a erguer de cero. E iso, con manifas festivaleiras, non o imos conseguir, vailles o status quo adquirido a esa banda de ladróns. Ou se fai algo de verdade, ou isto é o Holocausto.

***

Nota do Autor: O título orixinal destas follas era “O triunfo da perversión da linguaxe” e tiña que ser un artigo dun folio e medio ou dous, ao sumo. Cando levaba dous parágrafos escritos atasqueime porque tiña demasiadas notas para tan pouco espazo, Xusto entón, recibín a visita dunha amiga á que lle expuxen o problema. “Colle un libro ao azar e mira se che inspira algo”, suxeriu. Como non tiña mellor opción, deille á roda do mouse e o cursor detívose, obviamente, sobre “Un estudio sobre la banalidad del mal”, de Hannah Arendt. “Non o vexo”, díxenlle, sinceramente. A ela encántalle os desafíos intelectuais e respondeume: “Se consegues enfiar algo coherente…(En tres palabras vulgares –pero emocionantes- prometeume sexo oral).

Hai poucas cousas que estimulen máis o enxeño que a promesa do sexo de balde. Non me puxo un límite de extensión e dous días despois, a ela o resultado pareceulle convincente. E a min, divertido. Porque xa lle dixen hai tempo, que ma trae ao pairo o que non fagades co país, xa o dei por inútil. Parafraseando ao gran Pepe Rubianes diría que “A mí, la unidad de España me suda la polla por delante y por detrás. Y que se metan ya a España en el puto culo, a ver si les explota dentro y les quedan los huevos colgando del campanario”.

3 Comentarios

  1. Aínda que entendo que máis da metade do artigo é pura provocación, por momentos é brillante e chama a atención desta pequena morte que ensaian con nós cada día.

  2. Fóiseme a man ca extensión, é verdade, e síntoo. Conste que recortei, deixando fora algúns exemplos probablemente redundantes. Efectivamente, hai una componenda grande de provocación nel. Se non provocas, a xente non pensa. E se non pensa, non fai. E se non facemos, isto vaise ao carallo

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*