Xerardo Vidal tira de navalla para tallar na rede ‘A pequena novela galega’

A balada do nudista caviloso
A balada do nudista caviloso

 

Dende o pasado 24 de xullo o escritor Xerardo Vidal Rivas, Vidal a secas nesta casa de Letra en Obras, ten aberta bitácora na rede. O título da mesma é toda unha declaración de intencións: A pequena novela galega, ou Onde a Grande Novela Galega descobre a sinxeleza.

Dende Letra en Obras saudamos estes dous meses e medio de proveitosa actividade blogueira do noso ilustre articulista lugués. Quen se adentre na bitácora de Vidal vai atopar historias sinxelas, crúas e luminosas coma as labazadas no rostro. As entradas deste blog foxen do artificio e semellan  estar escritas con esa navalla vella que o autor tanto botou de menos unha noite de viños por Lugo. Á vista das mesmas aínda sorprende máis os seus once anos de silencio literario. Con 23 anos publicou con Sotelo Blanco un libro de relatos: A balada do nudista caviloso.

1 Comentario

  1. Débovos unhas copas do que sexa. Moi agradecido por facerlle aí unha pouca propaganda ó meu gran de area nesa praia de Copacabana+Ipanema+Leblon+e sigue así a cousa que é iso chamado Blogosfera. Había tempo que quería facer algo así, e resulta que me fun decidir cando a xente xa pasa un pouquiño dos blogs e anda a voltas coas redes sociais. Se non fora así, non sería propio de min.
    Ademais, non é o típico blog, en plan diario. É máis narrativo ca outra cousa, entre outras razóns porque a miña vida non é o que se di de cine, aínda que igual Ingmar Bergman aínda tiraba dela para un guión.
    A ver, malo será que a cousa non vaia para diante e un día non poida quedar constancia do meu triunfo definitivo: que poida poñer publicidade.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*