‘Vento e chuvia’ a Gallaecia da Idade de Ferro contada con apeiros do século XXI

Chega ás librarías a que quizais é unha das apostas literarias máis ambiciosas dos últimos tempos, especialmente no que respecta ao formato. Da man de Edicións Xerais sae, dirixido ao público xuvenil pero tamén ao adulto, o libro Vento e chuvia, unha mitoloxía da antiga Gallaecia. Detrás da obra e da súa concepción multimedia está a man do xornalista e coñecido blogueiro Manolo Gago (Barbanza, 1976).

Cuberta do libro
Cuberta do libro

Pero que é Vento e chuvia? A definición non é fácil: é un libro de ficción, tamén un libro de formación e por suposto un magnífico punto de partida para coñecer moito máis sobre unha apaixonante e non demasiado coñecida época histórica. Se Manolo Gago achega os textos de ficción e é unha especie de director do proxecto, Manel Cráneo encárgase das ilustracións e o catedrático Marco García Quintela dá a visión académica da época histórica sobre a que se traballa literariamente.

Como non podía ser doutro xeito vindo dun home fondamente relacionado coas novas tecnoloxías, Gago trae ao panorama literario galego unha experiencia de literatura aumentada. O proxecto vai máis aló do formato físico dun libro. Vento e chuvia ten unha web moi completa na que o público en xeral pode ver bocetos, material orixinal, roteiros con xeolocalizacións de escenarios descritos na obra e incluso unha área para os usuarios que xa mercaron o libro e que poden acceder a tres historias adicionais que completan o traballo narrativo.

Dentro deste concepto transmedia, Gago deixa entrever que o proxecto vai ter vida fóra do libro e adianta que nas próximas semanas haberá: “obradoiros sobre a Idade do Ferro en Galicia para ensino de primaria e secundaria, espectáculo teatral de pequeno formato, merchandising cos deuses…irás sabendo máis sobre todo iso conforme pasen os días”.

Podes acceder aquí á web deste proxecto tan singular

 

2 Comentarios

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*