Pero cantas literaturas hai en España?

Un artigo de R.Vilar

A literatura vasca, catalá e galega son literaturas españolas? En teoría a resposta é si pero en realidade é que non. Un exemplo, o máis recente pero nin sequera o máis sangrante, son os Premios de Literatura que convoca o Ministerio de Cultura. Estes galardóns, que distinguen a mellor obra de calquera das catro linguas oficiais no estado, poden servirnos de termómetro.

R.Vilar
R.Vilar

Si, estamos felices. O Premio Nacional de Poesía deste ano foi por vez primeira para unha obra en lingua galega: O ángulo das brasas, do escritor coruñés Álvarez Torneiro. Sen dúbida é unha gran alegría ver como se premia un autor fundamental da nosa poesía. Mais o debate que traio aquí é outro: dende 1977 cantas obras en lingua non castelán gañaron este premio? Se a wikipedia non me engana o resultado é o seguinte: 32 obras premiadas en castelán, dúas en catalán e outra en galego.

Podemos coller outro exemplo: o Premio Nacional de Narrativa. En 36 edicións houbo sete libros premiados que non estivesen escritos en lingua castelán, entre eles tres galegos: Xa vai o griffón no vento, de Alfredo Conde (1986); Que me queres amor?, de Manuel Rivas (1996); e Trece badaladas, de Suso de Toro (2003). Se imos ao Premio Nacional de Ensaio os resultados son bastante peores: un libro en éuscaro, outro en catalán e outro en galego (De provincia a nación, de Justo Beramendi) fronte a 29 en castelán.

En definitiva, se sumamos os máis de cen premios de narrativa, poesía e ensaio que leva dando o ministerio dende 1977  atopamos que o 90% dos libros galardoados están escritos en castelán fronte a un 10% das tres literaturas periféricas. Simple cuestión de calidade ou de invisibilidade e subalternidade? Non nos enganemos, as literaturas galegas, vascas e catalás non son españolas e non o son porque, antes e agora, os poderes políticos españois nunca as consideraron súas. No mellor dos casos foron unha excentricidade secundaria e no peor un inimigo máis a exterminar.

Pero como pode sentirse español un escritor que escribe en éuscaro, en catalán ou en galego? Existe espazo nos medios de comunicación de ámbito estatal para algunha literatura que non sexa a castelán? Fixeron o máis mínimo esforzo para que os rapaces das escolas madrileñas, andaluzas ou aragonesas tivesen nocións básicas das diversas linguas e literaturas que hai no estado? Se collemos ao azar a dez estudantes de Filoloxía Hispánica de Salamanca e lles pedimos que nos digan catro nomes de escritores en lingua galega (vivos, mortos ou pensionistas), que pasaría?

E logo haberá quen se agarre á cabeza e que diga que non comprende como puidemos chegar ata aquí, que se a culpa foi das autonomías…Hai un vello dito que di: “o que á miña casa non vén na súa non me quere”. Á súa non nos convidan e á nosa só veñen para tirar as portas a patadas. Igual esaxero, ao fin e ao cabo isto é só un artigo de revista literaria, tamén hai cousas boas: nesta etapa democrática e plural cada nove hostias dan unha medalla.

2 Comentarios

  1. E será unha casualidade que os 3 premios de Narrativa -Conde, De Toro e Rivas- escriban tamén en castelán? Serán premios ao bilinguismo armónico? Será conidtio sine quea non?

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*