Os ángulos da brasa, de Ávarez Torneiro, Premio Nacional de Poesía 2013

Álvarez Torneiro
Álvarez Torneiro

Dúas semanas despois de que outro galego, Antón Castro, recibise o Premio Nacional de Xornalismo, este mércores o Ministerio de Cultura español anunciou que elixiu a obra Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932), como gañadora do Premio Nacional de Poesía 2013. O autor recibirá un diploma acreditativo e 20 mil euros en metálico. Cómpre lembrar que este premio que convoca o goberno español a nivel estatal elixe o que considera o mellor traballo entre todos os publicados nas catro linguas oficiais do estado. Dende a a creación do premio en 1977, esta é a primeira vez que é galardoado un traballo en lingua galega e tamén unha das poucas veces que o é un traballo noutra lingua que non sexa o castelán.

Autor serodio, publicou o primeiro libro de poemas con 50 anos (Memoria dun silencio, 1982), Álvarez Torneiro está considerado como unha das figuras da poesía actual en lingua galega, idioma no que escribiu a práctica totalidade da súa obra literaria. O poemario Os ángulos da brasa publicouno en 2012 o selo Factoría K, dependente da editorial pontevedresa kalandraka.

O xurado do premio estivo composto, entre outros, por Inés Fernández Ordóñez, designada pola Real Academia Española; por Basilio Losada, proposto pola  Academia Galega; Amaia Jaureguizar, da Academia da Lingua Vasca; Susana Rafart, do Instituto de Estudos Cataláns; por María Isabel López, da Asociación Colegial de Escritores de España; e por Juan José Lanz, da Asociación Española de Críticos Literarios.

  • Podes consultar aquí as obras premiadas ao longo da historia deste premio.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*