Nadas

Un artigo de Marcelino Fernández Mallo

Así ando como Serrat aquel día, posiblemente no serán, cando miraba para o teito e non se lle ocorría nada. El confesaba sentirse namorado, ou tal se intuía das súas palabras. Eu síntome ofuscado máis ben, incapaz dunha idea, da simple recreación dunha escena.

Marcelino Fernández Mallo
Marcelino Fernández Mallo

El miraba para o teito. Eu podo mirar dende a fiestra, teño enfronte o mar, e nin así. Lembro, cando menos, o Lord Jim de Joseph Conrad, ou Alén da desventura de Xavier Alcalá, obras nas que o mar é protagonista esencial. Pero aí quedo, non dou máis. Cavilo se Carmen Laforet tería iniciado a súa Nada dun xeito similar, escribindo dende o baleiro. Coñezo autores que traballan a partir dunha imaxe ou dun pensamento básico, tirando dese fío apenas branco á espera de que vaia aparecendo detrás un novelo multicolor.

Ler en portugués, esa era a idea que barallei durante estes días para desenvolver nun artigo onde presentar nomes de autores na lingua que se segregou da galega séculos atrás. Unha sorte de spin-off lingüístico en terminoloxía actual. É algo que fago dende hai tempo, alternar lecturas nos tres idiomas, e resulta que as literaturas lusa e brasileira nunca decepcionan. Os últimos títulos saqueinos da estación de servizo dunha autoestrada. Habería materia abonda para un artigo decente pero estas neuronas, bércolas que dicía meu pai na súa particular variante dialectal, andan rematadamente preguiceiras.

Seica elixen hoxe o Nobel de Literatura 2013. Podería agardar por ver se coincide e coñezo o/a galardoado/a. Axiña me desanimo á vista dos principais candidatos: Alice Munro, Margaret Atwood, Joyce Carol Oates, John Ashbery, Cees Nooteboom, Svetlana Aleksijevitj, Ko Un, Peter Nadas, Jon Fosse, Assia Djebar, Ngugiwa Thiong’o, Cees Nooteboom, Dacia Maraini, Adam Zagajewski, Peter Handke, Ismail Kadaré. Nada lin de ningún deles. Do resto, desbotaría a Haruki Murakami, Philip Roth, Amos Oz, Cormac McCarthy, Javier Marías ou Vila-Matas.

A cousa ficaría reducida a unha contenda entre Thomas Pynchon e António Lobo Antunes. Esa sería a miña aposta se non tivese repasado a listaxe completa para decatarme de que nela hai un candidato que cumpre acaidamente as condicións que impón o día de hoxe. O Nobel, hoxe, habería concederse a Peter Nadas.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*