Miguel Ángel Alonso: “publicar baixo un selo editorial non engade ningún valor real”

Miguel Ángel Alonso Diz (Madrid, 1976) é un vigués licenciado en Economía que un día decidiu deixa a garavata das mañás grises  e dedicarse a oficios menos retribuídos monetariamente pero  tamén máis satisfactorios. Alonso Diz compaxina agora un traballo de formador co que realmente ama: a cultura en xeral e a literatura en particular. A súa axenda sempre ferve: é membro do colectivo literario A porta verde do sétimo andar, é un dos fundadores dos Cadernos Q de Vián, é un dos organizadores do Poetry Slam Vigo e aínda lle queda tempo para colaboracións radifónicas en Radio Alllariz ou artigos xornalísticos nesta mesma casa de Letra en Obras. Mais unha das cousas polas que soa con forza o nome de Alonso Diz é polas súas dúas existosas incursións no mundo da literatura infantil. Apostando pola autoedición, o autor foi quen de colocar O cullarapo croque e A nena á que non deixaban ser feliz dentro da tabela de libros máis vendidos. Eis as respostas ao cuestionario que lle enviamos.

1-Dende hai dous anos aboiaches con forza no ámbito da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) rompendo moldes. O primeiro deles é a aposta pola autoedición. Como decidiches pechar o círculo: creación e edición?

Falarei en plural porque falo no nome de Luz Beloso mais no meu.

Non somos de círculos e si de espazos abertos. A creación debe ser,  e no noso caso é, un espazo aberto. En Galicia segue a funcionar o dito: “e ti de quen ves sendo”.

Ademais dende un punto de vista persoal a perspectiva de autopublicar, distribuír, etc… semellaba moi interesante xa que permitíanos coñecer todas as fases do proceso de creación dun libro: dende a nada, pasando polo proceso de creación e bosquexo, impresión, distribución e o cabo, posta en escena e transmisión dos valores que traballamos nos nosos libros. Como imaxinas, foi unha aventura enriquecedora.

Pódese dicir que coñecemos as zonas de luz e de escuridade do mundo editorial.

Nós pensamos n@s nen@s que o son por idade pero tamén naqueles que habitan nos corazóns de cada un de nós. Ademais de ter en conta cal é a realidade lingüística actual.

Non pensamos na liña editorial, nas modas do momento ou en temas estritamente comerciais.

2-A pesar de non contar nun inicio cun selo editorial detrás, O cullarapo Croque (2012) e máis recentemente A nena á que non deixaban ser feliz (2013) conseguiron posicionarse moi ben dentro do panorama literario infantil en galego e chegar a moitos lectores. Cales son as claves?

A honestidade, a verdade e autenticidade, e sobre todo o amor co que creamos @s nos@s fill@s. Isto último é a clave de todo: o amor. E iso as persoas percibírono. Docentes, bibliotecarios, pais, nais e sobre todo @s nen@s.

Como ben dis, non contabamos co apoio dunha editorial nin co apoio dos medios tradicionais de comunicación, polo que o proceso foi unha choiva fina que foi aos poucos enchoupando a terra.  De beizo a beizo a nosa labor foi chegando, e segue a chegar, a diferentes persoas.

Temos que dar as grazas a moitas almas que nos fomos atopando no camiño e que interiorizaron a nosa mensaxe, sendo voceiros da mesma. Grazas a eles conseguimos facer máis pequenos os silencios.

Respecto da distribución a máxima foi facer as cousas dun xeito diferente, e a verdade foi un acerto. A venda nunca foi o obxectivo, senón a consecuencia lóxica dun traballo ben feito.

Agora contamos co apoio de Nova Galicia Edicións que respecta a nosa forma de facer e a nosa aposta pola creación dun libro de calidade. Grazas a eles, @s nos@s fill@s camiñaron polas feiras internacionais do libro.

3-A nena á que non deixaban ser feliz  narra todos os atrancos que ten que pasar unha nena que só quere ser feliz e que se enfronta a unha sociedade que só prima o ter e intenta anular o ser. Parece un libro pensado para crianzas pero tamén para os maiores que a miúdo nos esquecemos de vivir…

En efecto non é un libro só para os que son nen@s pola idade senón que está escrito para todo aquel que inda teña un nen@ no seu interior. Ao xeito do Principiño ou Momo, escribimos/ilustramos pensando en que o lector vaia medrando co libro, e que en diferentes etapas da súa vida sexa capaz de extraer  cada vez unha mensaxe maior.

Nese intre intimo e máxico de lectura pai/mai fill@s, existan varias lecturas, por unha banda a que fai o adulto e por outra @ nen@, e que ese proceso se repita no futuro cando ese nen@ lle achegue o libro aos seus fill@s.

De calquera xeito temos que dicir que @s nen@s perciben moito máis do que algúns adultos pensan. Tamén engadir, que sorprendeunos a falta de costume por parte de moitas persoas de agardar algo máis dun libro que a mensaxe obvia. Semella que xa non estamos acostumados a que un libro da chamada LIX poida aportarnos valores profundos de vida.

Rematar dicindo que no caso de “A nena á que non deixaban ser feliz” os lectores adultos abranguen dos 25 en adiante.

4-Tes varios títulos de poesía publicados e tamén participas activamente na Porta Verde do Sétimo Andar, quizais o colectivo poético máis activo nos últimos tempos. Tes algún novo traballo a piques de saír do obradoiro? Cal é?

Na Porta Verde do Sétimo Andar temos feito unha moi interesante labor de difusión da nosa cultura, creando un espazo no que moit@s creador@s da nosa Terra  atoparon e atopan o espazo fértil no que medrar. Hogano camiñamos por toda Galicia, Portugal e mesmo fóra.

Digo isto, porque sen dubida, somos o espazo implicado co noso idioma e cultura máis activo dos últimos 3 ou 4 anos, e con 8 anos xa de existencia. Feito silenciado moitas veces en diferentes medios e por diferentes persoas. É triste ver algúns comportamento a este respecto, cando o que nós facemos e traballar a prol da nosa cultura.

Engadir que temos rematado un libro que sairá posiblemente en decembro a través de Nova Galicia Edicións dirixido dun xeito máis especifico @s nen@s, xa que nel traballamos as vogais, os números ademais doutros temas. Sempre coidando ao máximo a calidade do noso traballo. Desexamos crear material en galego que sexa visualmente atractivo tanto para mestres como para os pequen@s.

A situación do noso idioma é crítica. Nosoutros non somos alleos a ela, polo que decidimos xa dende o inicio implicarnos deste xeito. Queremos estimular que se estude en galego nas etapas iniciais do ensino.

En proceso temos un poemario que nacerá musicado contra finais do próximo ano e que recolle moito do aprendido co “Cullarapo Croque”; ademais doutros proxectos lonxe desta temática: un poemario de poesía social, un de poesía erótica e un libriño de relatos xunto a unha amiga e tamén escritora.

5-Que lle aconsellas á xente que quere publicar e non atopa canles para facelo?

“As cousas son como son até que deixan de selo”. Isto debe telo claro. Os canles están aí, hoxe máis que nunca. Internet, páxinas de crowfounding…  o caso é que desexe facelo fóra dos canles tradicionais.

Que sexa valente. Que abandone o ego en calquera curruncho. Publicar baixo un outro selo non lle vai a engadir ningún valor real, outra cousa é o que pensen o resto das persoas, pero iso debe darlle absolutamente igual. Coñezo a moitas persoas que levan anos esperando unha resposta dunha editorial que seguramente nin se lembra da súa existencia.

Que faga da frase “crear creativamente” a súa vida, e non deixe que lle impoñan colaboradores ou interferencias baseadas en intereses estritamente comerciais na súa obra.

E por último que traballe moito. Paga a pena facelo.

Só vai vivir unha vez, e como di o título da biografía de  Mª do Carme Kruckenberg: vivir, unha aventura irrepetíbel.

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*