Linguas de nube

Un artigo de Celia Parra Díaz

Volven as néboas de outubro lamber os tellados dos edificios, e volve tamén a poesía transitar pola cidade. Conducido por Yolanda Castaño, o ciclo Poetas Di(n)versos trae á Coruña ecos da nosa e de moitas linguas de afastada procedencia, igual que desde antano os cargueiros arrastran a porto especies dos cinco continentes.

Celia Parra (Foto de Xesús Fariñas Navarro)
Celia Parra (Foto de Xesús Fariñas Navarro)

Chegan voces diversas a xuntarse na cálida penumbra do Ágora, a entretecerse co seu silencio de templo asentado no ventre dun barco. Unha vez ó mes, un rito de comuñón literaria une a poesía galega coa internacional. Poetas de aquí e de aló. E ambos lendo en cadansúa lingua nai.

É curioso escoitar versos en linguas descoñecidas. Abstraerse dun significado moitas veces imposible de apreixar e reparar nos debuxos da entonación. Adiviñar o sentido das pausas, rastrexar as orixes de cada idioma até atopar similitudes fonéticas que permitan conectar co texto, recoñecelo, bocexar un sorriso. E finalmente, coa traducción, resolver o crebacabezas.

Tendo a identificar as linguas que coñezo, ou aquelas cercanas a min, como perfectamente articuladas e distinguibles. Cunha clara separación das sílabas e palabras, unha estrutura recoñecible. Pola contra, aquelas linguas descoñecidas, sobre todo as que chegan ó meu oído por vez primeira, teñen un aquel de fluído constante, abstracto e indiferenciado. Coma un besbexo, coma un río. E intento rastrexar as orixes do idioma, adiviñar as pausas até atopar similitudes fonéticas, pero a propia cadencia desfáiseme nas mans. Todas son para min linguas de nube. Coma as que viaxan cada día de porto en porto e van mollando a terra para que non seque.

E reparei hoxe no marabilloso que é escoitar e imaxinar esas linguas de nube, deitarse na herba e intentar darlles forma. No importante que é saber aprecialas polas particularidades que cada unha ten, veñan de onde veñan, sexan nubes inmensas ou apenas fíos de néboa. E, coidalas, sobre todo coidalas. Para que nunca deixe de chover.

Este luns pasaron por Poetas Di(n)versos a galega Oriana Méndez e o chinés Xi Chuan.

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*