Cultivar para escribir

Un artigo de Andrés Carrasco Solla

Andrés Carrasco
Andrés Carrasco

A escritura literaria sublime é a que sublima. As únicas veces en que un obtén satisfacción e orgullo profundos son aquelas nas que consegue coller esa morea de pedras que ten depositadas dentro da cabeza e transformalas directamente en vapor. Quero dicir que non é sinxelo, nin tampouco nada gratificante, polo xeral. Escribir é, fundamentalmente, unha actividade obsesiva e de inacción, en tanto leva moito máis recompoñer as ideas ou facer correccións que avanzar no texto. En poucas palabras: que implica unha perda de tempo constante. Visto iso, quizais por falta de espírito para amala de verdade, sempre tiven o desexo máis ou menos consciente de atopar outra cousa distinta que me servise para o lecer. Non un substitutivo absoluto, pero si un complemento que me procurase certa hixiene mental e co que, polo menos, me sentise o suficientemente útil como para non ter que me aferrar a ela con tanta urxencia.

E así a comezos deste verán descubrín a agricultura ecolóxica. Claro, digo descubrir porque eu sempre tendín tanto ao encerro e ás pantallas que gañar tan de súpeto unha afección ao aire libre e unha consciencia real da contorna a partir dela foi case unha revelación. Así que os últimos meses case non lin, nin escribín nadiña. En troques estiven a plantar leitugas no xardín traseiro; leitugas que medraron e máis tarde papei, que non é dicir pouco. Coido que para min, máis aló do gozo de aprender algo completamente novo (cómo mellorar o solo, cómo combater pragas de xeito natural, cómo deseñar o espazo para que as plantas medren en mutualismo… e mil cousas máis que deixaron de soar a chinés), esa produtividade do traballo foi o mellor da historia. Así como a literatura é un permanente desconcerto e nunca se sabe moi ben como hai que valorar os resultados, co cultivo pasa xusto o contrario. Ti procuras coidados a unha planta e esa planta agradécechos medrando para servir de alimento. E na culminación dese proceso hai algo innegablemente bo: mírase o froito inmediato da propia acción, hai unha intención satisfeita así que a vida prosegue. A escritura, pola contra, vén sendo moitas veces andar no ermo e enchelo con plantas de plástico. Hai que aprender a valorar as poucas certezas.

Coido que en realidade debería ter comezado ao revés e aprender a traballar o campo dende neno para descubrir a literatura xa de adulto. Debe de ser un mal propio da posmodernidade, ou algo: que a nosa “preparación” sexa estar tremendamente documentados e moi pouco experimentados.

En fin, por sorte tampouco é nada que non se poida ir emendando; a forza de encher páxinas entre ensalada e ensalada.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*