Anonimatos

Un artigo de Vidal

Hai pouco, un escritor en galego en activo laiábase da retirada recente doutro escritor en galego. Agradecía o primeiro que o segundo abandonara a publicación de material novo (quédame a dúbida de se tamén fará o propio coa escrita) sen armar nada de boureo, sen discursos amargos e resentidos. Eu cuestiono que estes discursos sexan prescindibles; penso que sempre dirá máis dunha persoa a vontade de ir de fronte, de falar como sente, resulte ou non agradable ou de bo gusto o dito a oídos de segundo quen, cá de optar, por non ofender a ninguén, por unha diplomacia sedante cando ás veces cómpre deixar claro o que hai, pois non sempre se sobreentende, ou non se quere entender. Podería falar máis do tema, mais o conto vai por outro aspecto da cuestión.

Vidal
Vidal

O escritor en retirada fíxoo nun anonimato case completo. O seu colega afirmaba terse informado por boca del mesmo, nun encontro casual na rúa. No anonimato, si, e digo eu que tamén no medio dunha indiferenza xeral. Non é difícil de comprender (aceptalo é outro conto). Un escritor en galego, polo común, é alguén que pode ir a case calquera sitio sen que ninguén o pare para o atafegar unha nova interpretación do seu último libro ou unha idea (ou un cento) para un vindeiro. Non terá lectores obsesionados coa súa persoa, nin desexosos de lle arrebolar a súa roupa interior nin de pendurar nos seus lugares de traballo almanaques coa súa estampa. Como moito, é coñecido en certos (iso que chaman) “círculos” e en tres clubs de lectura. A meirande parte dos escritores en galego, agás quen isto escribe e de dous máis, sono a tempo parcial. A escrita en galego é unha afección de moito mérito, sempre valiosa, pois non se basea calquera sistema literario máis ca en obras literarias pero, agás as excepcións sabidas, pouco recoñecida e peor pagada, ou nin iso. Pouco máis. Non seguirei recuncando na idea, por non resultar redundante.

Dos escritores actuais en galego, coido que o máis axustado a este concepto de invisibilidade é Cid Cabido: a última fotografía na que aparece visible a súa faciana figura, se non me trabuco, na lapela dun libro seu de haberá uns 15 anos, e é probable que aínda sexa anterior. Non desexa ser máis coñecido. Mesmo se resiste a conceder entrevistas, alegando que moitos autores están mellor caladiños. A miña dúbida é se, aínda en caso de el desexalo, habería moita xente desexosa de coñecelo. Tampouco o estimei nunca absolutamente necesario. Dos libros que me interesan, non lembro sentir un interese arrebatador cara ningún dos seus autores, non en calidade de escritor, polo menos. Prodúcenme unha certa sensación de temporalidade, ás veces tamén de intranscendencia. Se un o pensa un pouquiño, o autor dunha obra literaria pode, como moito, proporcionar un par de datos básicos sobre a mesma. Para iso, abóndalle con sentar diante dun xornalista que teña algunha idea daquilo sobre o que está a preguntar (non é algo superfluo, isto, e si, témome, menos habitual do que debera ser) e dar unha serie de respostas que despois serán publicadas. Non debe buscarse maior relación entre o autor e mailo que escribiu. De feito, con moita frecuencia pode comprobarse esta distancia: hai quen, á volta de dous ou tres anos, xa non é quen de identificarse co daquela escrito. Sei que é cuestión vella, unha vez máis, pero é unha das que cómpre saber para entender as novas.

En fin, o meu consello é que, se ledes algo que vos gusta, deades por morto ó seu autor, aínda que non o estea en realidade. Se o facedes, a vosa atención irá encamiñada na dirección na que debe ir: cara o que de verdade importa.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*