Galeusca aposta “pola creación dunha literatura infantil e xuvenil que sexa viva”

Durante esta pasada fin de semana celebrouse en Pontevedra un encontro de escritores en linguas catalá, éuscara e galega. Nesta ocasión a Federación de Escritores Galeusca tratou o tema: A literatura infantil e xuvenil. Propostas de futuro e adecuación a novos formatos. Os asistentes asinaron unha declaración a modo de conclusión nos seguintes cinco puntos:

A xuntanza tivo lugar en Pontevedra
A xuntanza tivo lugar en Pontevedra

1. A necesidade de continuar a apostar pola creación dunha literatura infantil e xuvenil que sexa viva, visibilizadora, cohesionadora, formadora de valores, superadora de estereotipos e prexuízos, arraigada no imaxinario propio e na expresión lingüística dos nosos respectivos territorios, que axude a interconectarnos con outras culturas. Escribimos para continuar soñando e colaborando na transformación da realidade desde a procura de alternativas liberadoras que axuden a articular e reforzar a comunidade.
2. A importancia que ten a formación de novos lectores e lectoras e novos creadores e creadoras, tanto a través da escola como, de xeito cooperativo, desde todos os ámbitos de socialización posíbeis e para iso aproveitaremos as plataformas e medios existentes, como os obradoiros de expresión escrita, clubes de lectura, actividades interdisciplinares, redes sociais especializadas, blogues… e todos os soportes susceptibles de uso, tanto os tradicionais como os máis novidosos desde o punto de vista tecnolóxico.
3. A nosa consciencia das alertas e ameazas da barbarie negadora e desposuidora dos valores que acosan as nosas literaturas; despois de debater e compartir reflexións sobre as distintas problemáticas, constatamos e renovamos o compromiso ilusionante de continuar co noso labor creador a nivel individual e como colectivo interrelacionado cos outros sectores culturais e sociais.
4. Ademais, reafirmámonos nos contidos do comunicado da Federación Galeusca contra a LOMCE do pasado mes de marzo, unha lei que resta estatus educativo aos nosos idiomas propios e oficiais, símbolos identitarios das nosas nacións e instrumentos de traballo para as persoas que creamos corpus literario nas súas diferentes manifestacións. O seu carácter regresivo e recentralizador é visible nos decretos que se están aplicando en Galicia, País Valenciá e Illas Balears, con cuxas mobilizacións nos solidarizamos.
5. Finalmente, ante a tramitación dunha nova reforma da Lei de Propiedade Intelectual, reiteramos a nosa preocupación ante os novos recortes aos dereitos de autor/a e os intentos de laminación das entidades de xestión e, en especial, da que nos aglutina e defende como é CEDRO, cuxa continuidade se ve seriamente afectada.»

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*