A crítica recomenda os últimos traballos de X.R. Pena, B. Dávila e R. Baceiredo

X.R. Pena
X.R. Pena

Como cada mes, Armando Requeixo bota man de catro críticos literarios máis para facer unha escolla das novidades literarias que máis lles gustaron nas últimas semanas. A suma das puntuacións de Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Montse Pena Presas, Francisco Martínez Bouzas e o propio Requeixo, dan o seguinte podio: Historia da Literatura Galega I, do profesor Xosé Ramón Pena; Raíz da fenda, o traballo poético de Berta Dávila que publica Xerais; e A revolución non vai ser televisada, da ensaísta Rebeca Baceiredo.

Pero que podemos atopar nestes tres libros recomendados? O profesor Xosé Ramón Pena (Betanzos, 1956), que coordina dende hai anos o suplemento cultural de Faro de Vigo, afronta un reto ao que poucos se atreven: unha nova Historia da Literatura Galega. En setembro chegou as libraría, da man de Xerais, o primeiro de catro volumes dos que consta esta obra. Na estrea da colección, Pena achégase en algo máis de 400 páxinas ao período que vai dende a Idade Media ao Rexurdimento. Segundo informan dende a propia editorial, está previsto que os tres volumes restantes se publiquen en 2014, 2015 e 2016. Polo de agora unha parte da crítica aplaude unha obra que pretende ser un manual de referencia para calquera que queira coñecer a nosa historia literaria.

Rebeca Baceiredo
Rebeca Baceiredo

Raíz da fenda é o terceiro libro de poesía que publica a escritora Berta Dávila (Santiago, 1987). A obra gañou o último premio de poesía Johán Carballeira, que convoca cada ano o Concello de Bueu e tamén pertence ao selo Xerais. A crítica aplaude unha reflexión introspectiva que se mergulla nas fendas máis íntimas que ten o individuos: a familia, o desamor, a enfermidade…

Por último, a outra recomendación é o último traballo de Rebeca Baceiredo (Ourense, 1979): A revolución non vai ser televisada. Este ensaio chega ás librarías da man de Euseino? editores, un selo recente que busca novos espazos para a literatura pero tamén para a filosofía. Baceiredo parte da obra de Gilles Deleuze para propoñer unha nova interpretación da realidade, dun mundo que se move entre a ética e o brutal desenvolvemento tecnolóxico da sociedade actual.

Se queres ver outras obras que recomendan para este mes de outubro estes críticos: Pica aquí

1 Comentario

  1. […] Moi benvida, pois, esta Historia da Literatura Galega de Xosé Ramón Pena, á que se cadra lle tería acaído un breve limiar explicativo da organización en entregas da obra e dos seus piares teóricos e metodolóxicos de partida, mais da que non cabe dicir ren que non sexa que é contribución ben valiosa, bibliograficamente moi nutrida, suxestiva nas lecturas e exhaustiva no compendio. […]

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*