A aniquilación da profesión

Un texto de Iria Ameixeiras

John Steinbeck dicía: “a profesión de escritor fai que as carreiras de cabalos parezan negocios estables”. Entendo o entusiasmo inicial que suscitan as plataformas de crowdfunding cando non hai nada mellor para soster unha boa idea. Neste novo mecenado, estas ideas talentosas ás veces saen adiante, pero outras veces non. E talvez estas ideas tardan en parirse. Durante ese tempo, podemos suxerirlle ao artista que se manteña en xaxún, debaixo dunha ponte. E non é que o crowdfunding sexa peor que outras ferramentas do sistema de acumulación no que vivimos, o que me inquieta é a docilidade coa que é aceptado polas conciencias máis críticas. Pero, sobre todo, a perpetuación da condición precaria do artista. E négome a pensar que teña que ser unha vocación incompatible cos dereitos sociais, eses chamados de segunda xeración, e que sempre se conquistaron despois dos dereitos civís e políticos, se algunha vez se chegaron a conquistar de todo: o dereito a un fogar, a sanidade, a comida.

Iria Ameixeiras
Iria Ameixeiras

E na decadencia das humanidades, xa todo vale. Se a desigualdade existe como costume na maioría do mundo coñecido, dentro do campo artístico é lei. Os artistas recoñecidos son xente podente, mentres que os artistas que non viven da arte se teñen que conformar con utilizala como complemento das súas outras vidas dedicadas a outras materias, cando estes recursos non foron xa aniquilados tamén. Se eu fose unha pintora húngara exiliada en Londres tamén escaparía, como Janos en Un pintor de hoy, de John Berger. Ninguén no libro entende o por que da fuxida, xusto cando as cousas empezan a funcionar, cando, por fin, consigue unha exposición para exhibir o seu cadro das Olas. Eu inventei unha propia motivación para esta fuga: a intolerancia ao desconcerto. A non saber se ao día seguinte terá outra exposición. Ou cartos para os óleos, ou se o cadro que imaxinou terá que ser en miniatura porque non ten diñeiro de abondo para un lenzo máis grande. Agora, a escolla é algo máis democrática, porque non é só un galerista especializado o que decide se Janos vai expoñer. É un grupo de xente a que vai apoiar as súas exposicións. Se as apoia. O que non muda e a incerteza de Janos, que aínda non sabe se os seus cadros algún día reverterán nunha nómina, para cotizar e xubilarse. Quizais.

O que máis me asusta é sentir tanta nostalxia de algo que realmente nunca existiu. Dunha seguridade e duns dereitos improbables en calquera latitude do mundo. Da redundante demolición da arte como profesión.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*