Rinoceronte dobra a aposta polo mercado exterior lanzando o selo editorial Sushi Books

“Galicia é un mercado pequeno e hai que saír buscar novos lectores”. Anxa Correa, de Rinoceronte Editora, fala con Letra en Obras da última aposta: o selo infantil e xuvenil Sushi Books, que ofrecerá un catálogo con traducións ao galego, castelán, catalán e éuscaro dos diferentes libros. Na propia web de Sushi Books sinalan que “temos libros para todo tipo de padais, de cinco a quince anos”.

O selo pertencen a Rinoceronte Editora

Este luns chegan ás librarías os dous primeiros libros, doutros dous autores galegos: Antonio Manuel Fraga Allegue, último Premio Merlín, e Érica Esmorís. Fraga Allegue estréase con Xildas e Esmorís con O poder de Amabel. Porén, Sushi ten previsto publicar en galego tanto libros autóctonos como traducións de obras estranxeiras. Unha escolma de títulos terán traducións ao castelán, catalán e éuscaro.

Anxa Correa explica que “queriamos achegarnos aos lectores máis novos” e comenta que algúns dos libros que se van publicar chegaron curiosamente cando dentro da editorial estaban dándolle forma ao novo selo. Sushi Books marca tres tipos e coleccións: Álbum (libros onde vai predominar a ilustración), Intermedio (pensado para lectores de Primaria) e Avanzado (enfocado para rapaces e rapazas de ensino secundario).

A difusión da literatura galega fóra das nosas fronteiras é unha das principais apostas de Rinoceronte Editora dende que hai dous anos sacase ao mercado o selo Pulp Books, que traduce obras da literatura galega ao castelán. De feito, Sushi Books ten previsto aproveitar a mesma empresa distribuidora para achegar os libros ao resto do estado.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*