Julio Camba e o metaxornalismo

Un artigo de Henrique Mariño

HenriqueJulio Camba escribía de calquera cousa, algo que non estraña cando a obriga da columna é diaria. El xa dicía: “Yo soy un escritor de artículos cortos, cosa terrible, porque los artículos cortos se leen”. Unha ditabranda marcada pola periodicidade, mais tamén polo espazo, pois resulta moi complicado alcanzar a xenialidade de luns a domingo, sobre todo se o texto é de curto percorrido. Pese aos rigores da maqueta, Camba foi un xornalista soberbio, aínda que tal vez habería que chamarlle columnista. Ou, mellor aínda, cronista, pois a súa arte consistía en informar das pequenas cousas pasándoas polo seu baruto persoal, o que vén a chamarse opinión. Tamén cabían no coador as grandes cuestións, rebaixadas polo seu aparente desinterese polo transcendente á condición de asuntos cotiáns. Niso residía a súa grandeza, extrapolable ao seu estilo, conciso e sinxelo. Os seus adxectivos líanse entre liñas, que é onde agroma a ironía, o escepticismo e o humor.

Falaba de todo. Tanto de cuestións gastronómicas como políticas. Pero, entre as anécdotas parlamentarias e os apuntes sobre a idiosincrasia dos neoiorquinos, Camba tamén fixo un exercicio metaxornalístico, espallado en libros e artigos de prensa. Escribiu abondo sobre o propio oficio, polo que mostraba un desapego inédito noutras plumas da época. Eu creo que non era así, senón que formaba parte da súa estética literaria, unha sorte de captatio benevolentiae ou falsa humildade. “El articulista no puede gozar de nada, porque todo, en su organismo, se vuelve literatura”, escribiu o vilanovés no xornal La Tribuna en 1913. Porén, Camba saboreou case todos os praceres da vida menos aquela embaixada en Londres pola que devecía pero que o goberno da Segunda República non lle concedeu. Recentemente, Francisco Fuster, especialista no autor, vén de recompilar para Libros del K.O. unha escolma de todos eses artigos que abordan o traballo de xornalista e o proceso de escritura, titulada Maneras de ser periodista. Un xeito de selo, no seu caso, exquisito.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*