Canadá

Un artigo de R. Vilar

Xa ule a outono e decidín que cando remate este artigo vou ir a unha libraría na busca de Canadá de Richard Ford (Misisipi, 1944). Poida que sexa efecto da forte mercadotecnia pero sei que o veterano narrador norteamericano non me vai defraudar. Ten unha cualidade que se agradece en calquera escritor: non ten présa por publicar (sete novelas e un monllo de relatos en case 40 anos). Supoño que para desesperación de axente literario e editora.

Richard Ford

Pero se algo me empurra a mercar Canadá é o arranque da novela que puiden ler por internet: “Primeiro contarei o do atraco que cometeron os nosos pais. E logo o dos asasinos, que viñeron despois. O atraco é a parte máis importante, xa que nos puxo a miña irmá e a min nas sendas que acabarían tomando as nosas vidas”. Non me digan que non incita a ir correndo á libraría? Espero poder contar no vindeiro artigo que a novela é tan fascinante como o seu principio. Por certo, Canadá está á venda en castelán (Anagrama) e en catalán (Editorial Empuries). En galego, como xa é habitual aínda non toca. A ver dentro duns anos.

Aínda así é xusto lembrar que Sotelo Blanco publicou en 1995 Vida Brava (Wildlife, na versión orixinal inglesa e Incendios na súa tradución ao español). Esta novela de Ford, que data de 1990, narra a historia dun adolescente que ve como o pai marcha de bombeiro forestal a combater unha vaga de lumes e mentres súa nai incendia a cama fodendo co amante.

Ao fío dos últimos lumes deste verán, o escritor Bieito Iglesias lembraba esta novela de Richard Ford e acababa un seu artigo usando o tirabogas:  “O inconveniente dos incendios nosos radica en que non temos unha industria editorial que venda libros sobre o tema feitos de papel fabricado coa madeira queimada”.

*Aínda que non veña o caso, e falando de lumes, se non o viron, non perdan este vídeo: O monte arde porque dá cartos (parte do xornalismo de calidade xa non está nos xornais de papel, nin nos dixitais, nin moito menos nos telexornais:  anda no océano de youtube!)

***Actualizado cinco horas despois: E fun a dúas librarías en Compostela e estaba esgotado!