Berta Dávila: “é emocionante ver un teu libro en xaponés”

Con só 25 anos, Berta Dávila xa sabe o que é que lle traduzan un libro ao castelán e agora ao xaponés. O seu libro de relatos A arte do fracaso, publicado por Barbantesa en 2010, foi traducido ao castelán e comercializado por todo o estado por Pulp Books e agora a mesma editora decidiu traducilo ao xaponés como libro electrónico. A escritora santiaguesa contestou este cuestionario que lle enviou Letra con ledicia por ver a súa obra traducida pero tamén con modestia e certa dose de humor.

Berta Dávila
Berta Dávila

-En 2010 Barbantesa publicaba un libro teu de relatos agrupados baixo o título A arte do fracaso. Agora acaba de saír a tradución ao xaponés. Como se leva iso de saber que vai haber xente léndote a 12.000 quilómetros de distancia?

É emocionante, desde logo. O libro será distribuído como e-book, aínda que se fixeron algúns exemplares en papel para cuestións de promoción. Así que potencialmente pode chegar a calquera falante de xaponés, estea onde estea, algo que resulta moi interesante porque permite que as linguas soborden fronteiras xeográficas.

-Como acabou o libro traducido ao xaponés e quen se encargou da tradución?

Foi unha proposta de Pulp Books que, desde Cangas do Morrazo, levan a literatura do país a todo o mundo. Eles editaron a tradución ao castelán e agora preparan outra para o eúscaro. Da versión xaponesa encargáronse Mona Imai e Megumi Shiozawa. Unha non pode ficar máis que agradecida por ter recibido unha proposta deste tipo.

-Estiveches algunha vez en Xapón? Tes previsto viaxar agora co gallo da tradución?

Nunca estiven no Xapón e non foi por falta de ganas. Non vai haber viaxe a Xapón, sería xa demasiado, aínda que teño chanceado algunha vez coa idea de presentar o libro, poñamos por caso, en Osaka. Estariamos na libraría eu, o libreiro, e un señor que pasaba por alí por outra cousa.

-A pesar de que es unha escritora ben nova xa sabes o que é ser traducida a dous idiomas diferentes ao galego (castelán e xaponés). É a internacionalización a chave mestra que precisa a nosa literatura?

Creo que escribindo en galego é posible chegar a todas partes, outro cantar é que interese nalgures algo que escriba eu, iso dubídoo. A verdade é que non teño a resposta sobre as chaves mestras que precisa a nosa literatura, pero o proxecto de Pulp Books paréceme moi interesante e coido que tamén importante.

-Que proxectos ten Berta Dávila no seu escritorio?

Teño moitos proxectos este ano que se foron xuntando por casualidade e que me fan moita ilusión. Un proxecto co que estou especialmente feliz, con Biblos, un álbum ilustrado por Inma Doval que se titula “A fuxida”, varias propostas para presentar “Raíz da fenda” e, no mes de novembro, a saída do prelo d’ “O derradeiro libro de Emma Olsen”, que é un libro que significa moitas cousas para min.

2 Comentarios

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*