‘O derradeiro libro de Emma Olsen’, de Berta Dávila, Premio Repsol de Narrativa

Foto do xurado do premio e de representantes da Xunta e de Repsol

“Un exemplar moi interesante dun subxénero literario típico da literatura escrito en inglés chamado Interiors. Moi ben conseguido. Fixo un xogo metaliterario que é sorprendente pola súa madurez “. Con estas palabras xustificaba o xurado do Premio de Narrativa Breve Repsol a elección de O derradeiro libro de Emma Olsen de entre os trinta orixinais presentados.

Con só 26 anos, a escritora santiaguesa Berta Dávila convértese na sétima gañadora dun premio que xa é un referente no panorama narrativo galego. Antes dela obtiveron o mesmo galardón narradores como Miguel Sande, Anxos Sumai, Xosé Luís Martínez Pereiro, Xurxo Sierra, Fernando Díaz Castroverde e María López Sández.

O premio, que convoca a Fundación Repsol e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, tivo nesta ocasión como xurados a Dolores Vilavedra, Olivia Rodríguez, Antía Otero e Carlos Lema. A gañadora recibirá un premio en metálico de 12.000 euros e verá publicada a obra nos vindeiros meses baixo o selo da Editorial Galaxia.