A Historia da literatura de Calero cumpre 50 anos

En 1963 a Editorial Galaxia publicaba un ensaio que axiña se convertería nun manual obrigado para calquera que quixese achegarse ao decorrer das letras galegas do século XIX e primeiras décadas do XX (1808-1936). O escritor e profesor Ricardo Carvalho Calero asinaba Historia da literatura galega contemporánea, unha monumental obra na que se recollen centos de escritores, dende as grandes figuras como Rosalía, Eduardo Pondal ou Curros Enríquez ata autores completamente descoñecidos polo público e rescatados do olvido polo polígrafo ferrolán.

Primeira edición da Historia da literatura galega
Primeira edición da Historia da literatura galega

A ata daquela máis ambiciosa obra sobre a historia das nosas letras vía luz logo dun traballo calado de máis dunha década. Imposibilitado para a función pública polo seu  pasado republicano, Carvalho Calero consegue traballo de profesor no Colexio Fingoi, un centro privado de Lugo. É durante esta etapa (1950-1965) cando o profesor ferrolán comeza a traballar arreo na recompilación de datos para a súa historia. O xermolo da mesma é súa tese de doutoramento Aportaciones a literatura gallega contemporánea (1995).

Carvalho Calero deixou sentado en 1963 a máxima hoxe en día pouco discutida de que a literatura galega é aquela que emprega o galego. A súa historia da literatura reeditaríase, con ampliacións do autor que estudaban as décadas inmediatamente posteriores á Guerra Civil, en 1976 e 1981. O estudo tamén foi traducido ao castelán en 1976.

Seleccionamos dous artigos onde se fala, dende a diferenza, sobre o autor e a súa obra:

(…)Non vou, nen aquí nen agora, trazar nen sequer esquematicamente a silueta do que considero a maior personalidade galega, como polígrafo, do século XX. Tempo haberá. Simplesmente vou pór en valor a dedicación de moitos anos  -de toda a vida-  á CONSTRUCIÓN DA HISTORIA DA GALIZA. Si, nen máis nen menos. A través dun dos seus signos principais: a literatura, cun compromiso, rigor e erudición até agora non igualados. Carvalho Calero, onte e hoxe. Pilar García Negro. Terra e Tempo, 21-08-2010

(…)Carvalho actuou, como Piñeiro, de axente regulador do que sería ou non había ser a cultura galega e galeguista do momento, expelindo propostas relativamente independentes como a de Rodríguez Mourullo, recortando a autonomía autorial de voces emerxentes como a de Xohana Torres, ou ridiculizando o feminismo nos primeiros textos de María Xosé Queizán(…) O outro tabú sobre Carvalho Calero. Helena Miguélez Carballeira. El País, 15-03-2013

 

Programa da TVG (2010) sobre a figura de Carvalho Calero, onde unha súa filla fala da súa figura e tamén de como se xestou a Historia da Literatura galega:

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*