A poesía e o músculos da cara

Un artigo de Celia Parra

Retomo desta volta un dos meus temas recorrentes. O outro día comentaba con dúas amigas que é o que fai atractiva á poesía. Elas, non lectoras habituais pero si asiduas asistentes a recitais de toda índole, romperon grazas ós seráns poéticos esa imaxe de intelectualismo e cripticismo que arrodeaba ós versos que nos transmitiron no instituto. Pero esa imaxe só escacha a base de iniciativa e golpes.  Ou se alguén che presta un bo martelo.

Celia Parra (Foto de Xesús Fariñas Navarro)

Lembro que a primeira vez que lle propuxen a unha delas acompañarme a un recital, os músculos todos da súa cara fixeron un esforzo sobrehumano para recompoñer o xesto e evitar así que eu advertise o aceno inicial de escepticismo e desagrado.  “Uf, é que sabes que eu non son moi de poesía”. É que a resposta da meirande parte das persoas ante tal tipo de convite adoita ser evasiva, negativa, sutilmente transmitindo a mensaxe de que a poesía é demasiado seria e  soporífera como para erguerse do sofá. Como explicar logo o éxito de sesións coma as que ofrecen María Lado e Lucía Aldao, DandyLady, ou mesmo os micros abertos? Pois precisamente porque… non son recitais. Alomenos non como o que entendiamos como tal.

“A min a súa poesía gústame porque a entendo, porque me chega”. Eis a clave. Se ben é certo que debe haber distintos niveis de cultura, enfocada a distintas aspiracións e públicos, unha das formas de facer o arte cercano é tornalo entendible. Por suposto que hai tipos e temas de poesía máis propios de seren lidos en papel, con ese goce que entraña ir descubrindo os significados da linguaxe elaborada. Mais para o público non acostumado ou escéptico, adaptar temática e linguaxe é unha labor mesmo de necesidade, combatente. A poesía non ten por que quedar renegada a ese xénero minoritario e elitista. E xa non só por incrementar as vendas, senón por compartir un arte accesible e disfrutable por todo o mundo. Un vehículo de transmisión de emocións comúns, coas que identificarse, coas que recoñecerse dalgún ou doutro xeito.

Poesía escénica, performance, música, slams… moitas son as fórmulas que agroman con forza ultimamente para revitalizar a palabra falada. Moitas delas conseguen que os indecisos lle perdan o medo ós versos. É este o camiño? Non sei, mais pode que unha dirección moi recomendable. A modo de paralelismo co cine, serían estes novos traxes da poesía manifestacións “comerciais” ou “de autor? Podería algo que naceu como diferenciación ser considerado comercial, tendo en conta a vocación de maior alcance? Empregando un termo do marabilloso vocabulario hipster, converterase en mainstream a poesía?

Tampouco o sei. Elucubracións fóra, cada un que atope a súa voz. Que se deixe seducir coma Ulises polos seus cantos de serea, pouco a pouco. E que ó escoitala, os músculos da cara debuxen un semicírculo cos extremos rozando as pestanas.

Compartir
Artigo anteriorA historia das cousas
Seguinte artigoYo xa te lo dixen

2 Comentarios

  1. Supoño que o bo que teñen eses novos recitais (ou non-recitais) poéticos é que, ó rodear a poesía de elementos que normalmente lle eran alleos, consiguen que o espectador-que-non-é-moito-de-poesía se distraia con eles; é coma se se cubre de chocolate e nata unha galleta de arroz desas que non saben moito (pois, digamos, o espectador-que-non-é-moito-de-poesía non lle atopa o sabor a esta). E intúo que o malo de todo iso é que o espectador-que-non-é-moito-de-poesía que asiste a eses recitais (ou non-recitais) se queda con moi pouca poesía, falando as verdades. O que lle gusta é o chocolate con nata, non a galleta de arroz.

  2. Non podería estar máis dacordo! Malia todo eu gardo a esperanza de que, co tempo, o espectador-que-non-é-moito-de-poesía comece a intrigarse polo que hai baixo a cobertura de chocolate con nata. Coma quen pasa do vienés ó café só, ou do chocolate con leite ó chocolate negro. Para min nestes casos o importante é o sabor de boca. Logo que cada un saque as súas propias conclusións durante a dixestión…

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*