A historia das cousas

Un artigo de Diego Taboada

É un libro que aínda está por escribir: A historia das cousas. Ensínannos antes, moito antes, a poñer nomes ás cousas que a esculcar de onde saen, como nos relacionamos e que facemos con elas. Se comezásemos pola historia das cousas, probablemente teriamos unha noción máis clara de cal é o nome que debería acaerlles. Non lle chamariamos amor ao convencionalismo de soportar unha parella para pagar unha hipoteca. Non lle chamariamos liberdade á posibilidade de escoller entre opcions que non nos preguntan qué queremos escoller e, en resumo, non lle chamariamos moitos nomes a moitas cousas que non as merecen.

Diego Taboada
Diego Taboada

Lembro perfectamente que sentía de menino cando visitaba a segunda casa natal da miña nai. A primeira foi A Cova, unha aldea do concello de O Saviñao, feita de 5 casuchas de pedra e 10 vaquiñas que andaban por alí soltas, ao carón do río Miño. Mais a segunda é preto do concello de A Barrela, na parroquia de Santa Mariña do Castro, dende onde se pode albiscar o cumio e as faldas do Monte Faro. En fin, que lembro que o que sentía era unha absoluta indiferencia, coma se ese mundo non representase nada para min, coma se fose alleo, totalmente alleo. Porén, a miña nai non podía desvincularse emocionalmente, nin da súa casa natal de A Cova, nin da súa casa natal de Frean, que así se chamaba, e así sigue chamándose, a casa natal do meu avó.

Foi o paso do tempo o que me fixo consciente de que esa indiferencia vital que me causaban as raíces da miña nai, despois da diáspora a Suiza, foi trocando en preocupación e anguria cando trataba de re – encontrar o meu lugar no mundo; por unha banda, ao meu pai, todo o que tivese que ver con galeguismo cultural ou político, importáballe ben pouco – bastante tiñamos, e temos, con sobrevivir día a día -, porque o galeguismo que eu procuraba era máis culto e académico que popular, e por outra banda, aos 20 anos e pico, cando descubrín a lectura para fuxir dunha adolescencia macarra tecida a base de alcohol, drogas e demais rituais dionisiacos nocturnos de fin de semán, comecei a caer na conta de que non tiña palabras para poder narrar o que os meus propios sentidos percibían. Sen lingua, só podía ser como corpo, mais non podía ser como memoria persoal.. e nin sequera podía trascender a caixa do propio eu ao escribir literatura ou relacionarme cos demais. Sen lingua, sinxelamente, non podía apropiarme do entorno, das cousas e da memoria colectiva, que é o que configura o eu social, por así dicilo, de cada persoa.

Os mapas afectivos que imos tecendo ao longo da nosa vida persoal son complexos, moi complexos, e non obedecen a outro tipo de lóxica que a dos afectos persoais e familiares e a profunda necesidade que temos do entorno para arraizarnos nel e auto-abastecernos económicamente. Resúltame estarrecedor ese tipo de marxismo que non ten en conta a singularidade cultural dos pobos – ou sexa, das persoas de carne e oso -, ese marxismo ao que non lle importa coñecer a historia social das clases subalternas, a súa mentalidade colectiva, os mundos, reais e ficcionados, que dan sentido ás súas vidas : campesiños, zoqueiros, mariñeiros, artesans, tecelans, camareiros, putas … etc, todos teñen algo que dicir de quen somos e de todos temos moito que escoitar e recoller. Fuxo coma o demo foxe de Deus cada vez que se trata de convertir o marxismo, como tradición filosófica e ciencia social, nunha especie de narrativa total na que os suxeitos e as persoas son representadas só como abstraccions sen singularidades e condicionamentos lingüísticos, xeográficos, culturais, de xénero, clase, socio – económicos … etc, mais tamén fuxo dese marxismo – e deses marxistas – que valoran a literatura, a poesía, a música, a fotografía ou o teatro só coma un instrumento – sic – de interpretación da realidade ou coma un instrumento – de novo, a mesma palabra – para crear conciencia de clase.

Crear conciencia de clase ? Ok, perfecto, mais como facer iso cando o que esta civilizatio promove é a suspensión das conciencias ? Ou dito doutro modo,  ademais da conciencia de clase non precisaremos, antes de nada, ir mostrando a modiño que aínda nos queda clase algunha de conciencia?.

O marxismo foi – e é – un estimulante cultural e unha perspectiva cada vez máis necesaria para entender o mundo secular, mais négome a vivir fechado e enclaustrado sempre na mesma caixa. Preciso entender a obra en sí mesma, disfrutala en sí mesma, gozar dela sen enmarcala nunha caixa de ferramentas. Canto máis me obrigan a permanecer nun lugar, físico ou mental, por obriga, máis necesidade sinto de fuxir del; e isto, precisamente isto, no plano estético, é o que me acontece, no plano político, coa cuestión nacional e coa cuestión social en Galicia; ámbalas dúas van da man; reivindicar o dereito á libre-determinación dos pobos periféricos dende abaixo cara arriba, sen delegacions institucionais verticais previas e sen condicionamentos mediáticos e políticos subliminalmente impostos, para min é o máis noble, honesto e realmente democrático ao que pode aspirar calqueira pobo, mais para representar públicamente ese escenario e para crealo teñen que existir, cuantitativa e cualitativamente, moitos suxeitos con calidade crítica e vontade política concreta : suxeitos soberanos. S oberanos coa e dende a comunidade. Soberanos por, de e para sí mesmos. Soberanos por, de e para construir un imaxinario colectivo radicalmente diferente, onde a comunidade cultural debe asumirse como mestiza e a comunidade política debe recoñecer e integrar normativamente esa interculturalidade dentro dos fundamentos éticos dun novo proceso constituínte – destituínte.

Entender as cousas e ás persoas sen cousificalas, é o xérmolo dun novo humanismo, e polo tanto, dunha nova crítica – e práctica – democrática. Por iso, sermos soberanos, implica, tamén, reflexionar para qué, cómo e en qué eido queremos selo. Implica, tamén, caer na conta de que nin a natureza, nin as persoas, poden ser consideradas como meros instrumentos ou cousas ao servicio do economicismo hiper-rentabilizador da ciencia económica máis ortodoxa. Implica, en definitiva, ter capacidade para decidir sobre qué cousas queremos proxectarnos e desenvolver libremente as nosas capacidades humanas… sen cousificalas.

Non sei agora, mais, no seu tempo, a este tipo de soberanía chamábaselle chegar-a-ser-humano. Claro que, para isto, quizais compriría esforzarse máis en entender as cousas, para atoparlles os nomes – e os usos – acaídos.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*