Os Cantares gallegos en edición de Anxo Angueira

Un artigo de Xurxo Martínez González

Edicións Xerais vén de publicar unha nova edición, da man de Anxo Angueira, dos Cantares gallegos (1863) de Rosalía. Preténdese que esta sexa a obra inaugural da publicación da produción completa da escritora galega. Un reto que degoiramos sexa certo e que poña ao día o valor cultural, ideolóxico e ético que expresan as letras rosaliás.

Xurxo González

A edición de Anxo Angueira, actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, podemos definila coma decisiva para a incorporación da persoa de Martín Sarmiento (1695-1772) como figura referencial para a historia da literatura galega, persoeiro inaugural da produción en lingua galega da man das súas Copras. Aínda que xa se publicaron distintos artigos sobre esta cuestión, coidamos que nesta edición dos Cantares, o estudo da relación entre a obra de Sarmiento e de Rosalía tornan accesíbel ao público máis xeral a importancia do frade bieito dentro do campo literario de noso.

Por outra banda, a lectura renovada dos poemas rosaliáns, que recolle as distintas achegas realizas estes anos por variados investigadores e investigadoras, favorece unha nova interpretación realmente nutritiva e educativa. Sublíñase en distintas ocasións a reivindicación da condición nacional de Galiza, da exaltación do popular como algo nobre e digno de ser admirado polas máis finas elites intelectuais e do feminismo tan vivo, de inicio a fin, que se respira en Cantares.

Por último, e fóra da crítica á obra, temos que sinalar a importancia que ten para a investigación da cultura galega (incluída a literaria) a revisión de todo o que se leva escrito e dito. Que os traballos de Álvarez Ruiz de Ojeda de hai apenas dez anos supuxesen unha nova redacción sobre a infancia de Rosalía amosa a necesidade que existe na investigación galega de acudir máis os arquivos, consultas documentos de época, ler e reler a prensa de entón, mergullarse nos protocolos notariais, cartafoles de documentos sen clasificar, informes e sentenzas de procesos xudiciais, indagar nos arquivos privados etc. Que a nosa grande escritora nacional aínda non teña a biografía «canónica» que lle corresponde, a biografía que, sen pretensión de ser definitiva ou eterna coma un dogma, si sitúe a autora dentro do seu contexto social, económico, cultural e ideolóxico. Aínda hoxe é difícil coñecer a vida de Rosalía en numerosos aspectos. Pero esas lagoas tamén deben ser aliciente para que as novas xeracións inicien o seu traballo.

Compartir
Artigo anteriorCalvino en galego
Seguinte artigoA ollada optimista

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*