Sobre Beiras en tres pasos

Un artigo de Andrés Carrasco

  1. O rollo metafísico:

A literatura por si mesma non é nada. Nin as ciencias. Tampouco a corrente eléctrica, nin o pan, nin os billetes de cinco sexan dos novos ou dos vellos. Nada é nada sen nós, digo eu.

Andrés Carrasco

E sendo isto así, e nós a medida do valor das cousas, supoño que o primeiro-primeirísimo que importa delas é a súa conexión posible con aquilo que nos vaia xurdindo na vida, non? Isto é, por seguir coa literatura mentres valla, que quizais no anonimato se escribiron páxinas máis perfectas cás máis perfectas de Platón ou Cervantes. É posible…! Mais o caso é que como nunca chegaron ao común, esas supostas páxinas nunca foron nin son agora importantes. Por tanto, seguramente o máis lúcido que se poida comentar ao respecto deste exemplo sexa: que paranoia, tío!

2. O sentimento concreto:

As accións de Xosé Manuel Beiras como opositor nos dous últimos plenos do Parlamento de Galicia que foron recollidas en imaxes televisivas (intervención discursiva o primeiro día e reacción a unha interpelación do presidente Feijóo o segundo) fixéronme sentir orgulloso, representado e satisfeito do último voto que depositei. Vaites, satisfeito por primeira vez a partir dun voto.

3. Vencello e conclusión ( máis concretos que metafísicos, agardo):

Política, soberanía, xustiza, ética son todas ideas abstractas e complexas. Palabras que fan o que fan as palabras, enmarañarse, pero que non por iso son menores. A vida mesma empúrranos cara a todas elas e demóstranos que repercuten sobre ela do xeito máis directo: ben enriquecéndoa, ben opoñéndoselle. Ver isto, saber isto, é o que, hoxe por hoxe, considero máis crucial de todo. O que, empurrado pola vida, xa digo, considero verdade absoluta. Por tanto, por dignidade, non tolerarei a ningún ser humano adulto que traballe para convencerme do contrario; a ese non lle seguirei as regras, nin lle permitirei falarme doutra cousa coma se non pasase nada. Non respectarei a ninguén que actúe coma se a idea para min máis importante no mundo fose unha parvada; que manipule para deixarme de parvo fronte aos do seu bando e aos que non teñan recursos para analizar o asunto. E polo sentimento de humillación e de impotencia posto a ferver hai tempo, non ignorarei a ruín provocación: ao que me diga na cara que o que penso é unha parvada e, aínda máis, unha parvada de rapaz desempregado, a ese, como poida, cúspolle.

Seguramente, algún dos que lean isto concluirá que a miña palabra, coma a de Beiras, non abrolla de ningunha moral fonda, senón que é unha manobra de demagoxia e populismo que responde a intereses ocultos.

Vale.

 

 

 

 

1 Comentario

  1. En realidade, iso de crer que toda opinión ou acto non procede da sinceridade, senón que é espurio, interesado, parece algo crónico por aquí desde hai anos. E Beiras, para este tempo de políticos insulsos, é demasiado expresivo, por iso pode parecer sospeitoso. Pero vaia, facía moita falta.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*