‘Dime algo sucio’, de Diego Ameixeiras, e ‘Vidas post-it’, de Iolanda Zúñiga, chegan ao público catalán da man de Pulp Books

Traspasar fronteiras lingüísticas e mostrar a creatividade propia noutras latitudes, esa é unha das tarefas máis importantes de calquera literatura de cara á súa universalización. A literatura galega vén poñer outro gran de area ao ver como dous dos seus autores mozos (Diego Ameixeiras e Iolanda Zúñiga) aparecen nas librarías catalanas.

A marca Pulp Books, da editorial Rinoceronte, encargouse de traducir ao catalán as obras Dime algo sucio de Diego Ameixeiras e Vidas post-it de Iolanda Zúñiga. Ameixeiras e Zúñiga teñen en común pertencer á xeración nada a mediados dos 70 e teren gañado un dos premios máis prestixiosos de Galicia: o Xerais. Apesar de non ter cumpridos os 40 anos xa teñen un espazo propio dentro das letras do noso país.

Mentres Pulp Books segue explorando a internacionalización da literatura galega. En breve, a editorial do Morrazo quere publicar Dime algo sucio de Ameixeiras en alemáns e tamén verter ao xaponés A arte do fracaso de Berta Dávila. Ao catálogo en castelán chegará Cemiterio de Elefantes de Fran Alonso.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*