Provocación

Un artigo de Vidal

A provocación é para algúns algo irresistible. Para certos artistas, algo inseparable do seu

Vidal
Vidal

oficio. Cando a un xornalista lle encargan unha entrevista con algún, imaxino que dará por segura unha ou varias declaracións máis ou menos rechamantes; outra cousa é que ó final cheguen a producirse. Na primeira metade dos setenta, era práctica estándar en moitas películas españolas de baixo orzamento introducir na metraxe, cando menos, unha escena con algunha parte suxerente dunha anatomía feminina ó aire. Era unha maneira de chamar a atención e atraer ás salas de programa dobre os espectadores que non foran a Perpignan a ver a Marlo Brando e a Maria Schneider en acción coa manteiga. Máis dun artista (aquí non especialmente, aínda que hai os seus exemplos) tamén intenta hoxe atraer espectadores ou lectores, e a súa arma máis frecuente é botar por ela.

É sabido. E dígoo sen ton despectivo. Eu mesmo ceibei algunha que outra “boutade”, como lles chaman os elegantes. Nesta web, unha ou dúas. Mais non o fixen con ánimo promocional (por razóns obvias) e, de tódolos xeitos, procuro controlarme.

Aínda que remate por captar máis atención un futbolista desmentindo que ande tristeiro ca un escritor afirmando que nun sistema literario os seus colegas se limitan a facérense editar para se leren uns ós outros, hai que intentalo. Con máis motivo se se trata de alertar ó destinatario sobre un problema importante no cal non hai máis xeito de que repare. Iso si: tamén entendo que, manipulando este tipo de elementos, hai que poñer coidado na medida. Unha persoa pode propoñerse armar escándalo e, sequera en parte, conseguilo, pero a conta de pasar por basta, pueril ou mesmo estúpida, séxao ou non en verdade.

O máis habitual é que as provocacións no mundo artístico sexan de dúas clases: unhas veces, as balas apuntan a obxectivos coma o varón branco heterosexual occidental, o Estado español (tamén o goberno autonómico, pero menos, e iso que o merecería), o sistema financeiro nacional ou mundial e demais dianas de tiro a proba de case todo proxectil (a última das citadas é practicamente invulnerable hoxe; a semellanza de certos animais, se perde un anaco, decontado o rexenera). Outras veces, as provocacións non buscan concienciar ó ser humano sobre a decadencia da civilización moderna e o pouco que está a facer por evitala, senón simplemente dar que falar, para que un libro, un filme, unha obra teatral, un programa televisivo, etcétera, venda máis exemplares ou entradas ou teña máis espectadores. Os provocadores, nun caso ou noutro, poden levar máis razón ou menos, non se fala diso aquí. O que me parece evidente é que, con este hábito xeneralizado de botar por ela, o que se está conseguindo é que cada vez sexa máis complicado saber ata que punto unha persoa é sincera nas súas opinións ou soamente pretende facerse notar. Cada vez é máis complicado saber se se pode acreditar no que esa persoa di.

Por último, teño para min que, agás cando non haxa máis remedio, non se debe procurar ser provocador. Se un o resulta, ha de ser pola excepción que constitúa a súa forma de ver e pensar expresada con naturalidade, non por unha viraxe interesada (e forzada) nesa expresión. Noutras palabras, a faísca que fai que outros poidan atoparnos provocadores non se pode crear artificialmente, nin se traballa, senón que se ten ou non se ten, de seu. O demais é ficticio e non funciona.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*