Morriña

Un artigo de Elba Becerra

O pasado mércores levei unha gran sorpresa cando pola mañá cedo,  sobre as oito e media chamaron á porta da casa.

Elba Becerra

Despois perdín uns minutos rexeitando algunhas ideas: “Será o carteiro? Non pode ser, acostuma vir arredor das doce, ao mellor algún veciño? Éche ben raro…non coñezo  ningún, a policía? Que eu saiba non cometín ningún delito, un incendio tal vez?, non soa ningunha alarma, os Testigos de Jehová?. Ai ao mellor si, pois daquela abrirei. A idea de que me intentasen converter en inglés resultábame bastante divertida…

Ía indo cara a porta, arranxando un pouco o cabelo (como se fose quen de disfrazar a sensación de ridiculez que me provocaba o feito de abrir a porta en pixama), cando aparece diante de min unha muller de estatura media, cabelo castaño escuro, e olliños asolagados dunha profunda tristura. Suxeitaba con forza unha maleta de coiro marrón.

A súa faciana non me resultaba familiar.

– Bos días, desculpe que a moleste, son Morriña e estou buscando á miña irmá.

Con semellante introdución non podía facer outra cousa que invitala a entrar.

Mentres poñía a cafeteira ao lume, Morriña explicoume que compartía unha bonita casa con tódalas palabras intraducibles.

Tratábase de palabras tan especiais que non tiñan tradución noutros idiomas. Todas elas camiñaban fachendosas sempre falando da terra de onde proviñan e das riquezas  do seu idioma orixinal.

Morriña tamén me contou que compartía habitación con Luar, Meiga, Enxebre, Carallo, e Madia Leva. Estas verbas saían de paseo soamente cando as ía buscar algún escritor. Mais desta vez acontecera diferente, xa que Morriña fixo a maleta nunha arroutada para emprender a viaxe en busca da súa irmá Saudade quen había uns días que marchara da casa caladiñamente.

Morriña sospeitaba que un poeta portugués estaba a namorar a sua benquerida  Saudade.

Case despois dunha hora de parola, ofrecinlle a Morriña outro café,

– Non quero, gracias. Teño que voltar a casa de contado, non me gustaría  que as miñas compañeiras se preocupen.

– Moi ben, xa entendo.

Desexeille sorte na súa busca e Morriña marchou xunto coa saudade que seguían a desprender os seus ollos.

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*