Heroicas editoriais

Un artigo de Marcelino Fernández Mallo

O sector literario galego vive permanentemente “en obras”. Obras que máis semellan de desmantelamento ca de nova construción. Antes ca unha versión pesimista expoñemos unha constatación empírica. A realidade é incuestionable. E así todo, segue habendo exemplos heroicos, espíritos desafiantes capaces de enfrontarse ó que parece destino fatídico das nosas Letras.

Marcelino Fernández Mallo

Segundo extraio do sitio web da Asociación Galega de Editores, arredor dun 40% dos galegos manifestan ler a cotío. Destes, unicamente un 7% amósanse lectores en lingua galega, 70.000 persoas aproximadamente. Continuando coa extracción de datos do informe (nº 6 –e derradeiro– da revista NDL), máis dun 70% da facturación do sector procede de textos escolares. A literatura de creación so achega un 13% dos títulos e un 10% da facturación, arredor da metade doutros  sistemas literarios próximos.

Os datos poñen de manifesto a dimensión microscópica do sector. E eu creo que a cousa aínda é peor. Tomemos a narrativa para lector adulto como a sección que demostra a madureza dun sector literario e garante a súa estabilidade. No ano 2012 (fonte www.culturagalega.org/lg3), publicáronse 31 obras narrativas de literatura galega e 22 traducións á lingua galega. En total, 53 títulos. Tendo en conta as vendas medias, e sendo xeneroso, falariamos duns 30.000 exemplares que, de aplicar un ratio de 2 libros por lector ó ano, darían arredor duns 15.000 lectores en lingua galega fóra das escolas.

A situación é como para desalentar a calquera, e máis constatando a perda de editoriais históricas como Edicións do Castro, A Nosa Terra ou Espiral Maior, así como a práctica inactividade de Laiovento ou Sotelo Branco entre outras. Por iso coido que se fai necesario salientar o labor case heroico das compañías que, desafiando os ventos adversos, empéñanse no desenvolvemento de proxectos a partir da publicación na nosa lingua.

Galaxia e Xerais son os evidentes estandartes do sector. Entre elas, editaron 23 das 31 obras de narrativa galega publicadas en 2012, un 74%. Mais se temos en conta tódolos xéneros, esta elevada proporción redúcese considerablemente: falamos entón de 81 sobre 178, un 46%. En literatura infantil e xuvenil comprobamos que os 60 títulos se reparten principalmente entre OQO -14-, Kalandraka -13-, Galaxia e Xerais -11 cada unha- e Baía -8-. En narrativa traducida atopamos outros felices exemplos dignos de mención, como URCO -7 títulos- ou por suposto Rinoceronte -9-, editorial que complementa a súa oferta cos libros do selo Morgante. Por último, resulta obrigado citar a Toxosoutos, que acaba de cumplir o seu XXV aniversario, e que continúa o seu esforzo nos xéneros do ensaio e a narrativa galega, e dar a benvida a novas iniciativas como a recente de Hugin e Munin.

Os números cantan e describen unha áspera realidade. Mais habemos ser conscientes que sen oferta non cabe a demanda. O primeiro paso para a recuperación da literatura e lingua galega é garantir un fluxo de títulos merecentes da atención do lector. A partir de aí, habería chegar todo o demais.

Compartir
Artigo anteriorMorriña
Seguinte artigoA boa crítica é a mala

3 Comentarios

  1. Nunha novela de Douglas Adams, afirmábase que o sentido da vida era 42. O que vostede plantexa no último párrafo é unha cuestión semellante á procura do sentido da vida. Por complicado. Levo moito tempo distanciado do sector editorial galego, pero intúo que aí o que falta é contido para a billeteira.

  2. Achei mui interessante o artigo e mui esclarecedor. Na verdade, o medível não é opinável. Sugeriria apenas que também se incluísse o trabalho de editoras que seguem a estratégia luso-brasileira como Através, Edições da Galiza, a Fenda, abrente…

    um abraço

    V.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*